A administración autonómica completa a implantación do Plan de transporte público de Galicia nesta área coa posta en servizo dos contratos no oeste e no sur da comarca

A Xunta culmina a modernización do transporte público da área de Santiago o día 23, ampliando horarios e frecuencias para mellorar as unións cos polígonos industriais e a mobilidade dos estudantes

Os novos contratos prevén a utilización de 71 autobuses que percorrerán os 154.000 servizos anuais, garantindo o emprego de 108 condutores e acompañantes, cun investimento anual de máis de 1,6 M€

As diversas liñas que entran na cidade pola zona occidental incorporan novos servizos, nos que se inclúe unha parada no Hospital Clínico Universitario

O polígono Novo Milladoiro é un dos puntos máis beneficiados pola implantación do novo contrato na zona sur da comarca ao ver mellorada a súa conexión, tanto con Santiago como con Bertamiráns

Mellóranse as comunicacións transversais do sur do concello de Teo e do nordeste do concello de Padrón co corredor que vai da Estrada a Santiago

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

A Xunta completará o vindeiro día 23 a modernización do transporte público interurbano da comarca de Santiago coa entrada en vigor dos últimos contratos deseñados ao abeiro do Plan de transporte Público de Galicia, ampliando horarios e frecuencias para mellorar a mobilidade dos estudantes e as conexións cos polígonos industriais.

Desde este mércores, a área de Santiago verá reforzada a súa cobertura territorial e a capacidade de conexión entre liñas, grazas á entrada en vigor dos dous últimos contratos do transporte público interurbano, nas zonas oeste e o sur da comarca. Ademais, a implantación destes últimos contratos reforza especialmente a cobertura territorial en distintos concellos coa integración de liñas escolares.

Entre as distintas melloras vinculadas á implantación dos dous novos contratos, destacan o incremento da coordinación de servizos e a conectividade entre liñas, para minimizar tempos de espera e facilitar os transbordos. Tamén inciden nos horarios e frecuencias que enlazan cos polígonos de Santiago e Milladoiro, así como naqueles servizos con maior demanda por parte dos estudantes.

En total, a nova oferta de transporte público nas áreas que comprenden estes dous contratos supón un investimento da Xunta de máis de 1,6 millóns de euros anuais. A prestación destas expedicións superará os 154.000 servizos anuais, sumando máis de 2,8 millóns de quilómetros percorridos por 71 autobuses, garantindo o emprego de 72 condutores e 36 acompañantes.

Os servizos do contrato oeste da comarca de Santiago

A posta en funcionamento da nova oferta de liñas e servizos do contrato da zona: Oeste da comarca de Santiago, inclúe os concellos de Ames, Brión, Negreira, A Baña, Val Do Dubra, Santiago de Compostela, Trazo, Teo, Padrón, Rois, Santa Comba, Outes, Zas, Mazaricos, Vimianzo, Tordoia, Muxía, Cee, Corcubión, Dumbría e Fisterra.

Entre as novidades da súa implantación, este novo contrato contempla estender a dous servizos diarios durante todo o ano a liña Cuca-Santiago, que une Trazo coa cidade, e que actualmente só opera os xoves laborables en período lectivo.

Tamén se incorporan novos servizos ao mediodía entre Negreira e Santiago para facilitar a mobilidade de colectivos como o dos estudantes, alcanzando unha frecuencia de 1 servizo a hora por sentido.

Ademais, a integración de liñas escolares estende a cobertura territorial polos núcleos de poboación de Teo e Val do Dubra a través de 36 novas liñas diferentes e un total de 98 servizos de luns a venres en época escolar.

Así mesmo, as diversas liñas que entran na cidade de Santiago de Compostela pola súa zona occidental inclúen, a partir de agora, unha parada no Hospital Clínico Universitario coa que non contaban ata o momento. Son as procedentes de Ames, Brión, Teo, Negreira, Santa Comba, Serra de Outes, Muxía e Val do Dubra, quedando as relacións da seguinte forma:

  • Ames (Bertamiráns) – Santiago, con 93 servizos diarios de luns a venres.
  • Teo e Ames - Santiago, cunha liña compartida con 2 servizos diarios de luns a venres.
  • Brión - Santiago, con 54 servizos diarios de luns a venres.
  • Negreira - Santiago, con 56 servizos diarios de luns a venres.
  • Santa Comba – Santiago, con 2 servizos diarios de luns a venres.
  • Serra de Outes - Santiago, con 2 servizos diarios de luns a venres.
  • Muxía - Santiago, con 5 servizos diarios de luns a venres.
  • Val do Dubra - Santiago, con 13 servizos diarios de luns a venres.

Os servizos do contrato sur da comarca de Santiago

A entrada en vigor do novo contrato na zona: Sur da comarca de Santiago abrangue os concellos de Rois, Teo, Padrón, Vedra, Ames, Santiago de Compostela, Boqueixón e Brión. Entre as súas novidades, ofrece incrementos de horarios e conexións para que a cidadanía dispoña da posibilidade de evitar o uso do vehículo particular.

Con esta finalidade, adiántanse frecuencias da primeira hora da mañá e atrásanse á última hora do día. É o caso das liñas rúa da Rosa - Bertamiráns - Gándara e rúa da Rosa - Milladoiro, que incorporan un servizo que chega a Santiago antes das 7:00h e amplían o último que sae ás 23:30h. Trátase de horarios cunha alta demanda entre os traballadores que se desprazan aos polígonos e entre os estudantes universitarios.

Tamén no sentido oposto, na liña Rotonda as Viñas - rúa da Rosa, mellórase a conexión de Santiago co polígono de Milladoiro a primeira e última hora do día.

O polígono Novo Milladoiro é un dos puntos máis beneficiados pola implantación deste novo contrato, ao ver mellorada a súa conexión, tanto con Santiago como con Bertamiráns. A liña Polígono Novo Milladoiro–Bertamiráns, que une estes dous núcleos de Ames, incrementa tanto as frecuencias de primeira e última hora, como os servizos de ida e volta que empregan os traballadores ao mediodía.

Tamén cómpre salientar a creación de liñas que articulan a mobilidade intramunicipal e as comunicacións con Santiago de Compostela minimizando tempos de espera.

Deste xeito, destacan as dúas novas liñas que melloran as comunicacións transversais do sur do concello de Teo e do nordeste do concello de Padrón co corredor que vai da Estrada a Santiago. Trátase das liñas: Grela – Ramallosa, con 8 servizos ao día de luns a venres; e Pontevea - Padrón E.A., con 3 servizos ao día de luns a venres e reforzo os domingos, ata os 4 servizos.

Un total de 19 contratos completan o mapa de transporte de Galicia

Estes 2 novos contratos forman parte dos 19 que o día 23 se poñen en servizo en toda Galicia. No seu conxunto suman 824 liñas de autobús e supoñen un investimento da Xunta de 9,3 millóns de euros ao ano. Das novas liñas, 360 serán de autobús compartido e 279 contará con, polo menos, unha parada baixo demanda.

A prestación destas expedicións contempla a utilización de 518 autobuses que percorrerán case 26,7 millóns de quilómetros ao ano, a través de 5.229 paradas e reservarán praza para máis de 7.500 escolares.

Estes novos contratos, unidos aos que xa están en vigor, conforman o mapa definitivo do transporte público que funcionará en Galicia na próxima década. Deste xeito, a comunidade queda conectada mediante unha rede con máis de 3.100 liñas de autobús que atenden máis de 49.000 paradas. A oferta de transporte interurbano acadará, así, os 2,3 millóns de servizos anuais e os 58,4 millóns de quilómetros percorridos.

A Xunta de Galicia inviste 73 millóns de euros anuais para a implantación e o mantemento de toda esta rede de servizos de transporte público.

Vantaxes económicas do Plan de Transporte Público de Galicia

A posta en marcha de todos os contratos deseñados ao abeiro do Plan de Transporte Público de Galicia que culmina es mércores, permite estender as súas vantaxes ao usuarios de toda a comunidade. A reordenación do transporte interurbano incorpora melloras nas frecuencias, horarios e na eficiencia para as empresas, converténdose nun servizo público mellor adaptado ás necesidades actuais da sociedade galega.

Así, ás melloras na cobertura das liñas e nos horarios, hai que sumarlles o aforro económico. A modernización do transporte público permitiu acadar un sistema máis eficiente, grazas tamén á aposta polas modalidades de transporte compartido e baixo demanda, cun único sistema tarifario e prezos máis baixos.

Ademais, ao culminar a implantación do Plan de Transporte Público será posible estender ao conxunto de Galicia o uso da tarxeta de Transporte Metropolitano e, progresivamente, a Xente Nova, de tal xeito que na primeira metade de 2021 todos os menores de 21 anos poderán viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta.

Datos dos novos servizos no sitio web Bus.gal.

Para que as persoas usuarias do transporte público estean informadas dos cambios, a Xunta dispón do sitio web Bus.gal, que facilita o acceso a eses datos.

Accedendo ao citado sitio web, os usuarios poden botar man dun formulario que lles permite planificar a súa viaxe. Escollendo unha orixe, un destino e a data do desprazamento, a páxina amosa as expedicións dispoñibles para ese servizo concreto. Esta ferramenta contempla incluso a opción de transbordos para completar o itinerario.

Ademais, Bus.gal tamén ofrece a posibilidade de descargar unha ficha informativa dos servizos actualizados para cada municipio que se implantarán o día 23. Para obtela é preciso dirixirse á pestana de ‘descargas’ do sitio web e seleccionar o concello que sexa de interese. Con estas dúas opcións, os viaxeiros poden consultar en calquera momento e dun xeito áxil os servizos que teñen dispoñibles.

En días pasados a Xunta dirixiuse aos 194 concellos beneficiarios destes novos servizos de transporte para informalos da posta en marcha e para comunicarlles que a través da páxina web Bus.gal teñen dispoñibles todas as liñas e horarios referidas ao seu ámbito territorial. Esta información tamén se tren trasladado aos 86 centros escolares cuxo transporte está incluído nalgún dos 19 contratos que se implantarán o vindeiro 23 de decembro, facilitándoselles ademais un contacto do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade encargado de cada contrato, ao obxecto de resolver dúbidas ou atender calquera consideración.