Fernández-Tapias pon en valor o compromiso da Xunta coas entidades sociais para a provisión de alimentos aos colectivos vulnerables

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo visitou hoxe as catro entidades sen ánimo de lucro de Vigo ás que se dotou de produtos agroganadeiros ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre o Goberno galego e o Parlamento

Asemade, recordou que cociñeiros galegos de prestixio elaborarán, nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia e ao abeiro da canle Mercaproximidade, menús que se servirán o día de Noiteboa en comedores sociais

Vigo, 21 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe as catro entidades de Vigo que resultaron beneficiarias do convenio asinado entre a Xunta e o Parlamento de Galicia para a concesión de subvencións en especie, ao igual que xa se fixo durante o estado de emerxencia.

Así, a representante autonómica desprazouse ata as Misioneiras do Silencio, Banco de Alimentos, Comedor de la Esperanza e Afan, onde puido comprobar a recepción dos alimentos mercados por Medio Rural ao abeiro da rede Mercaproximidade a produtores e industrias de transformación de Galicia adheridos a esta canle, e que foron cedidos aos colectivos máis necesitados a raíz da covid-19.

Unha colaboración que, sinalou a delegada, ten como finalidade continuar a cooperación coas entidades de iniciativa social que realizan actuacións dos servizos de cobertura de necesidades de alimentos, dotándoas de produtos agroganadeiros adquiridos directamente aos agricultores, gandeiros e pequenas industrias galegas. Desta forma, séguese tamén a apoiar o traballo do sector primario galego que tamén sufriu as consecuencias da pandemia.

Para a compra de alimentos, dispúxose dun orzamento total de 130.000 euros, aportado a partes iguais entre a Xunta e o Parlamento.

Entre os produtos agroalimentarios que se repartiron figuran queixos, mel, carne de Ternera Gallega, de porco celta ou de cordeiro e patacas. Produtos de primeira necesidade que, recordou Fernández-Tapias, supoñen unha axuda para que estas entidades poidan responder á crecente demanda derivada da crise sanitaria.

Tamén, dixo, para a rede alternativa Mercaproximidade, creada pola Consellería do Medio Rural durante o estado de alarma para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas debido á covid-19.

Menús de Nadal

A esta iniciativa súmase o acordo de colaboración para facilitar menús solidarios de Nadal a persoas vulnerables. Segundo informou Fernández-Tapias, cociñeiras e cociñeiros galegos de prestixio encargaranse de elaborar, nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, unha serie de menús a base de produtos agroalimentarios procedentes da canle Mercaproximidade.

Estes menús, fornecidos con eses produtos de proximidade, adquiridos directamente a agricultores, gandeiros ou industrias de transformación de Galicia, distribuiranse despois mediante diferentes entidades solidarias das catro provincias en comedores sociais ou cociñas económicas para servirse o día de Noiteboa.

Se da así resposta, en palabras da delegada, á demanda das propias entidades sociais que poñen agora o acento na celebración do Nadal, e na necesidade de realizar actuacións concretas que permitan que as familias e as persoas en situación de vulnerabilidade poidan tamén celebrar estas festas.
Esta iniciativa solidaria conta cun orzamento total de 65.000 euros, que serán financiados pola Vicepresidencia primeira, a Consellería do Medio Rural e o Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas