A Xunta garante as conexións de autobús entre Vila de Cruces e A Coruña, a partir do vindeiro mércores, coa culminación do Plan de Transporte Público de Galicia

Este percorrido prestarase, no marco dos novos contratos, cunha expedición de ida, a primeira hora da mañá, e outra de volta, á tarde, de luns a venres

Realizarase un único transbordo en Boimorto, perfectamente coordinado, reducindo a duración da viaxe en case 15 minutos en sentido ida e 30 na volta

Tamén se incorporará unha conexión directa entre Mesía e A Coruña, con entrada ata Entrexardíns, pasando dunha ida e volta por xornada a dúas

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

A Xunta garante as conexións de autobús entre Vila de Cruces e A Coruña, a partir do vindeiro mércores, coa culminación do Plan de Transporte Público de Galicia.

Esta liña que conecta Vila de Cruces coa cidade herculina continuará ao servizo no marco dos novos contratos, que comezarán a funcionar o próximo mércores día 23.

O percorrido prestarase cunha expedición de ida, a primeira hora da mañá, e outra de volta, á tarde, de luns a venres. Realizarase un único transbordo en Boimorto, perfectamente coordinado, reducindo a duración da viaxe en case 15 minutos en sentido ida e 30 na volta.

Tamén se incorporará unha conexión directa entre Mesía e A Coruña, con entrada ata Entrexardíns, aumentando o número de expedicións ao pasar dunha ida e volta por xornada a dúas.

A posta en marcha desta liña, Mesía-Montouto-Carral, permite unha conexión transversal entre estes tres concellos, así como o acceso, a través do transbordo en Carral, a un amplo número de expedicións que existen cara á Coruña.

Ademais a prolongación da liña A Coruña-San Pedro de Présaras ata Boimorto aumentará en dúas expedicións as actuais seis que percorren Boimorto-A Coruña.

O funcionamento da nova liña Boimorto-Mesía-Ordes-estacións de autobuses e de ferrocarril tamén permitirá enlazar estes tres municipios e mellorar a conexión dos veciños desta contorna con cidades como A Coruña ou Santiago.

Estas melloras son posibles grazas á planificación que a Xunta acometeu no marco do Plan de Transporte Público de Galicia, cuxos contratos foron sometidos ao procedemento de información pública, sen que ningún dos concellos afectados pola citada liña presentaran alegacións.