Estes 3 contratos forman parte dos 19 que o próximo día 23 se activan en toda a comunidade para rematar a implantación do Plan de transporte público de Galicia

A Xunta porá en servizo o vindeiro mércores 3 novos contratos que completan a renovación integral do transporte público nas comarcas do Baixo Miño, do Condado e da Paradanta

O contrato de Baixo Miño incorpora 3 novas rutas que conectan esta área e a do Val Miñor cos hospitais e o campus universitario de Vigo, entre outras referencias

Actívase a liña circular Baiona-Nigrán-Gondomar, con 5 expedicións diarias para atender os desprazamentos a centros de saúde, polígonos e centros educativos

O contrato do Condado e da Paradanta aumenta os enlaces cos hospitais e a intermodal de Vigo e a rede interna entre as parroquias e os centros urbanos

O contrato de Tui prolonga as liñas con servizos ao centro de saúde e dá servizo ao alumnado sen dereito a transporte gratuíto cara a Salceda de Caselas

Prevese a extensión a todas as liñas de autobús interurbano das tarxetas TMG e Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

A Xunta porá en servizo o vindeiro mércores os 3 novos contratos que completan a renovación integral do transporte público nas comarcas do Baixo Miño, do Condado e da Paradanta.

Os tres novos contratos supoñen o incremento da cobertura da rede de transporte a máis núcleos de poboación e das frecuencias dos horarios.

Os servizos que botan a andar esta semana permiten unha mellora das conexións dos municipios destas áreas coa cidade de Vigo, pero tamén reforzan a rede interna entre centros urbanos e parroquias.

Neste sentido, os contratos inclúen novas conexións máis directas con puntos de referencia como o Campus Universitario de Vigo (CUVI) e o Hospital Álvaro Cunqueiro.

Comarca do Baixo Miño


O contrato que operará na comarca do Baixo Miño e no sur da bisbarra de Vigo abrangue os concellos da Guarda, Baiona, Gondomar, Nigrán, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui.

As liñas deste contrato contemplan comunicacións directas co Campus Universitario de Vigo (CUVI), o Hospital Álvaro Cunqueiro ou no Parque Tecnolóxico e Loxístico.

A conexión das áreas do Baixo Miño e do Val Miñor con Vigo incorpora tres novas liñas: unha (a 25), con cabeceira en Fornelos (O Rosal), discorre por Tomiño e Gondomar ata Vigo pasando polo CUVI e hospitais. As outras dúas (26 e 27) teñen a cabeceira na Guarda e un itinerario por Oia, Baiona e Nigrán, ata chegar a Vigo e aos hospitais, pasando polo CUVI.

Estas tres rutas terán entre 4 e 6 frecuencias diarias e contan cun número reducido de paradas, o que contribúe a minimizar a duración das viaxes.

Ademais do aforro de tempo nestes traxectos, cómpre salientar a importante rebaixa das tarifas asociadas ao novo contrato, tal como se amosa no seguinte cadro:

TRAXECTO
PREZO ACTUAL EFECTIVO
PREZO NOVO PTG EFECTIVO
A GUARDA - VIGO
6,90 €
5,00 €
OIA - VIGO
4,50 €
4,00 €
O ROSAL - VIGO
6,75 €
4,50 €
TOMIÑO - VIGO
5,00 €
3,50 €
TUI - VIGO
3,35 €
2,50 €
BAIONA - VIGO
2,25 €
2,25 €
GONDOMAR -VIGO
2,30 €
1,50 €
NIGRÁN - VIGO
1,55 €
1,55 €

Melloras entre o Baixo Miño e o Val Miñor

Ademais dos enlaces con Vigo, tamén se crea unha nova liña circular, Baiona-Nigrán-Gondomar, que conecta os núcleos de poboación da comarca do Val Miñor. Contará con 5 expedicións diarias desde a primeira hora da mañá para atender os desprazamentos a centros de saúde, polígonos e centros educativos.

A habilitación de novas rutas desde Oia e O Rosal ata a Guarda permite dar servizo ao alumnado que non goza do dereito a transporte subvencionado, á vez que facilita os desprazamentos dos seus veciños entre os concellos e as súas parroquias.

Entre Tui e Salceda de Caselas, adaptáronse as liñas con prolongacións para facilitar os traslados dos estudantes en autobús para asistir ás clases.

Condado e Paradanta

O novo contrato que operará no sur da comarca do Condado e no centro da da Paradanta inclúe os concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, As Neves, Mondariz, Ponteareas e Salvaterra do Miño.

Esta área disporá dunha maior conexión con Vigo, a través de servizos adicionais nalgunhas liñas. Deste xeito, Ponteareas terá unha expedición de ida e outra de volta ao CUVI.

Estas bisbarras amplían os enlaces co Hospital Álvaro Cunqueiro e garanten a conexión coa futura estación intermodal de Vigo.

No marco dos límites municipais, a integración de rutas escolares da zona das Neves e Arbo amplían a rede interna entre as parroquias e os centros urbanos.

Termo municipal de Tui

O terceiro contrato que se pon en marcha é o relativo ao termo municipal de Tui, que contempla unha optimización dos itinerarios das rutas escolares e adapta as liñas para estender a cobertura do transporte público.

A prolongación de liñas acada a ampliación dos servizos ao centro de saúde e dá servizo ao alumnado sen dereito a transporte gratuíto entre Tui e Salceda de Caselas.

19 contratos completan o mapa de transporte de Galicia

Estes 3 novos contratos forman parte dos 19 que o día 23 se poñen en servizo en toda Galicia. No seu conxunto suman 824 liñas de autobús e supoñen un investimento da Xunta de 9,3 millóns de euros ao ano. Das novas liñas, 360 serán de autobús compartido e 279 contará con, polo menos, unha parada baixo demanda.

A prestación destas expedicións contempla a utilización de 518 autobuses que percorrerán case 26,7 millóns de quilómetros ao ano, a través de 5.229 paradas e reservarán praza para máis de 7.500 escolares.

Estes novos contratos, unidos aos que xa están en vigor, conforman o mapa definitivo do transporte público que funcionará en Galicia na próxima década. Deste xeito, a comunidade queda conectada mediante unha rede con máis de 3.100 liñas de autobús que atenden máis de 49.000 paradas. A oferta de transporte interurbano acadará, así, os 2,3 millóns de servizos anuais e os 58,4 millóns de quilómetros percorridos.

A Xunta de Galicia inviste 73 millóns de euros anuais para a implantación e o mantemento de toda esta rede de servizos de transporte público.

Vantaxes económicas do Plan de Transporte Público de Galicia

A posta en marcha de todos os contratos deseñados ao abeiro do Plan de Transporte Público de Galicia que culmina es mércores, permite estender as súas vantaxes ao usuarios de toda a comunidade. A reordenación do transporte interurbano incorpora melloras nas frecuencias, horarios e na eficiencia para as empresas, converténdose nun servizo público mellor adaptado ás necesidades actuais da sociedade galega.

Así, ás melloras na cobertura das liñas e nos horarios, hai que sumarlles o aforro económico. A modernización do transporte público permitiu acadar un sistema máis eficiente, grazas tamén á aposta polas modalidades de transporte compartido e baixo demanda, cun único sistema tarifario e prezos máis baixos.

Ademais, ao culminar a implantación do Plan de Transporte Público será posible estender ao conxunto de Galicia o uso da tarxeta de Transporte Metropolitano e, progresivamente, a Xente Nova, de tal xeito que na primeira metade de 2021 todos os menores de 21 anos poderán viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta.

Datos dos novos servizos no sitio web Bus.gal

Para que as persoas usuarias do transporte público estean informadas dos cambios, a Xunta dispón do sitio web Bus.gal, que facilita o acceso a eses datos.

Accedendo ao citado sitio web, os usuarios poden botar man dun formulario que lles permite planificar a súa viaxe. Escollendo unha orixe, un destino e a data do desprazamento, a páxina amosa as expedicións dispoñibles para ese servizo concreto. Esta ferramenta contempla incluso a opción de transbordos para completar o itinerario.

Ademais, Bus.gal tamén ofrece a posibilidade de descargar unha ficha informativa dos servizos actualizados para cada municipio que se implantarán o día 23. Para obtela é preciso dirixirse á pestana de ‘descargas’ do sitio web e seleccionar o concello que sexa de interese. Con estas dúas opcións, os viaxeiros poden consultar en calquera momento e dun xeito áxil os servizos que teñen dispoñibles.

En días pasados a Xunta dirixiuse aos 194 concellos beneficiarios destes novos servizos de transporte para informalos da posta en marcha e para comunicarlles que a través da páxina web Bus.gal teñen dispoñibles todas as liñas e horarios referidas ao seu ámbito territorial. Esta información tamén se tren trasladado aos 86 centros escolares cuxo transporte está incluído nalgún dos 19 contratos que se implantarán o vindeiro 23 de decembro, facilitándoselles ademais un contacto do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade encargado de cada contrato, ao obxecto de resolver dúbidas ou atender calquera consideración.