A administración autonómica completa a implantación do Plan de transporte público de Galicia nestas dúas áreas coa entrada en servizo dos dous últimos contratos

A Xunta culmina a modernización do transporte público de Ferrol e Betanzos o día 23 coa posta en marcha de 97 liñas que melloran os servizos e garanten o emprego a 71 condutores e acompañantes

Das novas liñas, que suporán un investimento da Xunta de máis de 840.000 euros anuais, 46 serán de autobús compartido e 40 baixo demanda, mellorando a cobertura de servizos destas áreas e na dos municipios de Ortigueira e Mañón

Os novos contratos prevén a utilización de 50 autobuses que percorrerán 2,5 millóns de quilómetros e reservarán praza para uns 1.100 escolares

Destacan as melloras nas conexións coa cidade da Coruña e a cobertura dos desprazamentos internos entre os municipios, incluíndose en todas as liñas de Ortigueira e Mañón a modalidade de transporte compartido

Amplíanse as frecuencias das liñas que vertebran a zona e créanse 2 novas con conexión directa Miño-Pontedeume e Mugardos-Ares, esta última durante o verán

A entrada en servizo dos novos contratos levará aparellado un importante descenso do prezo da liña entre Ferrol-A Coruña, que pasará a ser de 4,5 euros

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

A Xunta completará o vindeiro día 23 a modernización do transporte público interurbano na área de influencia de Ferrol e Betanzos, e nos termos municipais de Ortigueira e Mañón, coa entrada en vigor dos 2 últimos contratos deseñados ao abeiro do Plan de transporte Público de Galicia, que suporá a posta en marcha de 97 liñas que melloran os servizos e garanten o emprego a 50 condutores e 21 acompañantes.

Do total de liñas que se poñen en marcha, 46 serán integradas, o que permitirá aos usuarios beneficiarse da modalidade de transporte compartido; e 40 con servizos baixo demanda.

Nesta reordenación dos servizos de autobús destacan as melloras nas conexións coa cidade da Coruña e a cobertura dos desprazamentos internos entre os municipios. Nesa liña de mellora das comunicacións internas entre os municipios, en Ortigueira e Mañón, establécense como compartidas todas as liñas incluídas no contrato correspondente.

En total, a nova oferta de transporte público na área que comprende estes dous contratos supoñen un investimento da Xunta de superará os 840.000 euros ao ano. A prestación destas expedicións contempla a utilización de 50 autobuses que percorren 2,5 millóns de quilómetros, a través de 529 paradas na zona e a prestación de 76.000 servizos anuais.

Destaca a cobertura territorial ampla que permite atender a máis de 1.100 escolares nun día lectivo medio.

Os servizos do contrato: Norte comarca de Betanzos, sur de Ferrol e oeste do Eume

Mediante a implantación do contrato, que dará cobertura á zona Norte da comarca de Betanzos, sur da de Ferrol e oeste da de Eume, mellórase a comunicación de Ferrol e Betanzos coa cidade da Coruña e as conexións de Ferrol coa parte sur da súa comarca. En concreto, os concellos de Ares e Mugardos son os principais tráficos do contrato.

En total estarán en funcionamento 79 liñas, que se achegan aos 70.000 servizos ao ano e aos 2,4 millóns de quilómetros percorridos.

Entre as principais novidades que achegan estes servizos, atópase a incorporación de 9 liñas integradas, con case 10.000 circulacións anuais, que permitirán aos usuarios da zona beneficiarse da modalidade de transporte compartido. De xeito complementario, establécense novos servizos baixo demanda en 9 liñas, que supoñen máis de 180.000 quilómetros de servizo ao ano.

Por outra banda, créanse dúas novas liñas de conexión directa para atender as solicitudes de servizos manifestadas polos concellos do ámbito deste contrato. Dun lado, implántase a ruta Miño-Pontedeume, que inclúe 2 servizos diarios de luns a venres laborables durante a época lectiva. E doutro, a liña Mugardos-Ares, con 2 expedicións diarias durante todos os días de verán.

Mediante a posta en funcionamento deste novo contrato do transporte público interurbano amplíase, ademais, a frecuencia de servizos de numerosas liñas que vertebran esta zona. Entre elas, cabe citar as seguintes liñas:
Estación de autobuses de Ferrol – terminal de autobuses da Coruña, incrementa unha expedición en días laborables, ata a acadar as 22.
Mugardos – Pontedeume, por Chanteiro e Ares, pasa de 2 a 4 expedicións diarias de luns a venres laborables.
Ampliación de frecuencias na liña Betanzos (instituto) - Ponte Aranga, con 4 servizos que se prestarán 3 días ao mes e na liña.
Ampliación de frecuencias na liña Praza de Galicia - Mugardos – Ares, ata 15 expedicións diarias de luns a venres, nos días laborables.
Ampliación de unha frecuencia na Liña Betanzos (instituto) – Monfero, que pasa a 3 expedicións diarias de luns a venres, nos días laborables.

Outra novidade salientable no marco deste contrato é a incorporación dunha conexión directa, ata o de agora inexistente co Polígono Vilar do Colo. Créase unha parada dentro do recinto empresarial na liña A Coruña estación de autobuses-Laraxe-Ferrol estación de autobuses; e na da Coruña estación de autobuses-San Isidro-terminal de autobuses de Ferrol. Ademais, nesta segunda liña, incorpórase unha nova expedición de ida, todos os días da semana durante todo o ano.

A entrada en servizo dos novos contratos de transporte levará aparellado un importante descenso no prezo do billete na viaxe entre Ferrol e A Coruña, que pasará a ser de 4,5 euros.

Os servizos do contrato, termos municipais de Ortigueira e Mañón.

O novo contrato que dá cobertura os Termos municipais de Ortigueira e Mañón supoñen máis de 6.500 circulacións dos servizos de autobús cada ano e máis de 140.000 quilómetros percorridos.

Mediante a súa posta en funcionamento mellórase a cobertura territorial dos servizos de transporte público da zona coa integración da totalidade das súas liñas.

Así, de forma concreta, favorecese a conexión dos núcleos máis espallados de Ortigueira e Mañón co núcleo principal de Ortigueira, o que posibilitará a cidadanía facer diferentes xestións. Estes servizos van máis aló da época lectiva, pois asegúranse os mesmos en época non lectiva, con 2 servizos 2 días a semana, coincidindo ida coa primeira hora da mañá e a volta a mediodía para a volta a casa para xantar.

Un total de 19 contratos completan o mapa de transporte de Galicia

Estes 2 novos contratos forman parte dos 19 contratos que o día 23 se poñen en servizo en toda Galicia. No seu conxunto suman 824 liñas de autobús e supoñen un investimento da Xunta de 9,3 millóns de euros ao ano. Das novas liñas, 360 serán de autobús compartido e 279 contará con, polo menos, unha parada baixo demanda.

A prestación destas expedicións contempla a utilización de 518 autobuses que percorrerán case 26,7 millóns de quilómetros ao ano, a través de 5.229 paradas e reservarán praza para máis de 7.500 escolares.

Estes novos contratos, unidos aos que xa están en vigor, conforman o mapa definitivo do transporte público que funcionará en Galicia na próxima década. Deste xeito, a comunidade queda conectada mediante unha rede con máis de 3.100 liñas de autobús que atenden máis de 49.000 paradas. A oferta de transporte interurbano acadará, así, os 2,3 millóns de servizos anuais e os 58,4 millóns de quilómetros percorridos.

A Xunta de Galicia inviste 73 millóns de euros anuais para a implantación e o mantemento de toda esta rede de servizos de transporte público.

Vantaxes económicas do Plan de Transporte Público de Galicia

A posta en marcha de todos os contratos deseñados ao abeiro do Plan de Transporte Público de Galicia que culmina es mércores, permite estender as súas vantaxes ao usuarios de toda a comunidade. A reordenación do transporte interurbano incorpora melloras nas frecuencias, horarios e na eficiencia para as empresas, converténdose nun servizo público mellor adaptado ás necesidades actuais da sociedade galega.

Así, ás melloras na cobertura das liñas e nos horarios, hai que sumarlles o aforro económico. A modernización do transporte público permitiu acadar un sistema máis eficiente, grazas tamén á aposta polas modalidades de transporte compartido e baixo demanda, cun único sistema tarifario e prezos máis baixos.

Ademais, ao culminar a implantación do Plan de Transporte Público será posible estender ao conxunto de Galicia o uso da tarxeta de Transporte Metropolitano e, progresivamente, a Xente Nova, de tal xeito que na primeira metade de 2021 todos os menores de 21 anos poderán viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta.

Datos dos novos servizos no sitio web Bus.gal.

Para que as persoas usuarias do transporte público estean informadas dos cambios, a Xunta dispón do sitio web Bus.gal, que facilita o acceso a eses datos.

Accedendo ao citado sitio web, os usuarios poden botar man dun formulario que lles permite planificar a súa viaxe. Escollendo unha orixe, un destino e a data do desprazamento, a páxina amosa as expedicións dispoñibles para ese servizo concreto. Esta ferramenta contempla incluso a opción de transbordos para completar o itinerario.

Ademais, Bus.gal tamén ofrece a posibilidade de descargar unha ficha informativa dos servizos actualizados para cada municipio que se implantarán o día 23. Para obtela é preciso dirixirse á pestana de ‘descargas’ do sitio web e seleccionar o concello que sexa de interese. Con estas dúas opcións, os viaxeiros poden consultar en calquera momento e dun xeito áxil os servizos que teñen dispoñibles.

En días pasados a Xunta dirixiuse aos 194 concellos beneficiarios destes novos servizos de transporte para informalos da posta en marcha e para comunicarlles que a través da páxina web Bus.gal teñen dispoñibles todas as liñas e horarios referidas ao seu ámbito territorial. Esta información tamén se tren trasladado aos 86 centros escolares cuxo transporte está incluído nalgún dos 19 contratos que se implantarán o vindeiro 23 de decembro, facilitándoselles ademais un contacto do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade encargado de cada contrato, ao obxecto de resolver dúbidas ou atender calquera consideración.