Obradoiros de Cambre, Monterroso, Lugo e Santiago optan ao Premio Artesanía de Galicia 2020

O xurado dos premios Artesanía de Galicia nomea como finalistas nesta categoría a Laura Delgado Cerámica, Santiago Besteiro Design, Traxandaina e Jatafarta

Os gañadores dos tres apartados que conforman os galardóns, Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Bolsa Eloy Gesto, coñeceranse a finais de ano

Con este certame a Xunta busca estimular o traballo de creación dos artesáns galegos, recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

Os obradoiros Laura Delgado Cerámica (Cambre); Santiago Besteiro Design (Monterroso); Traxandaina (Lugo) e Jatafarta (Santiago de Compostela) optan como finalistas ao premio Artesanía de Galicia 2020, dotado con 9.000 euros. Así o decidiu o xurado encargado de outorgar os premios Artesanía de Galicia 2020, que contan tamén coa categoría Premio Traxectoria e o Premio Bolsa Eloy Gesto, e cos que se busca recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais da artesanía galega, así como impulsar o relevo xeracional no sector. Os gañadores daranse a coñecer antes de finais de ano.

Laura Delgado Cerámica, de Cambre (A Coruña), presentou a peza con lema Construcción, rotura y reconstrucción del puzzle del confinamiento. A proposta é unha peza escultórica relacionada coa pandemia e elaborada durante o confinamento. O xurado considera que se trata dun proxecto conceptual e poético que roza a esencia da artesanía e unha reinterpretación do traballo da propia ceramista nos tempos do coronavirus.

O obradoiro Santiago Besteiro Design, de Monterroso (Lugo), presentou a proposta Pharos, que tamén fai referencia ao confinamento e recupera o simbolismo do faro como punto de referencia na situación de incerteza emocional xerada pola pandemia. A obra, que mestura coiro e madeira, xunta a parte estética coa funcionalidade e está orientada a organizar espazos de teletraballo. A proposta foi valorada polo xurado polo seu deseño, presentación e evocación a Galicia.

O obradoiro Traxandaina Traxe Tradicional (Lugo) achega co lema Tesouro Aldeán unha proposta dunha prenda de vestir baseada nunha lensa antiga do traxe galego e seguindo as técnicas de elaboración das costureiras tradicionais. O xurado destaca o valor dunha peza contemporánea cunha manufactura tradicional.

Jatafarta, de Santiago de Compostela (A Coruña), propón co nome de Urania unha prenda feminina de moda de vangarda, elaborada en coiro, que busca trasladar elementos que teñen que ver cos códigos de vestimenta do fetiche, ligados á intimidade, e trasladalos a un ámbito popular e cotián grazas á artesanía. O xurado fai fincapé no deseño contemporáneo e a destacada manufactura desta proposta.

Os Premios Artesanía de Galicia teñen como obxectivo principal recoñecer e visibilizar o traballo do sector artesán galego, así como contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional, divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia e mais apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.

O xurado estivo presidido polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mentres que os vogais foron Frank Buschmann, do obradoiro Woodworks Buschmann Bella e gañador do Premio Artesanía de Galicia 2019; Marta López, subdirectora xeral de Comercio; Santiago Riande, director da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela; Miriam Pérez, directora da Galería Vilaseco da Coruña; e Charo Froján, deseñadora e fundadora da empresa de moda D-Due. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto.

Imaxes relacionadas