A Xunta multiplica por tres a dotación das axudas para reconversión da viña para atender todas as solicitudes que cumpren os requisitos

O DOG publica hoxe a correspondente orde da Consellería do Medio Rural, que permitirá pasar o orzamento dos iniciais 1,1 millóns de euros a 3,5 millóns

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se amplía a dotación orzamentaria das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia.

Así, para poder atender todas as solicitudes, pásase dos iniciais 1,1 millóns de euros a 3,5 millóns, o que supón multiplicar por tres o importe consignado nun primeiro momento. Con esta nova achega, está previsto aprobar, nos vindeiros días, todas as peticións que cumpren os requisitos da orde en teñen toda a documentación completa. Ademais desta ampliación de crédito, na orde publicada hoxe tamén se introducen unha serie de modificacións de carácter técnico para adaptar a convocatoria á nova normativa europea e nacional de aplicación.

O obxecto desta liña de achegas para reestruturación e reconversión da viña é o de aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sostibles e a pegada ambiental deste sector produtivo.

A través delas, preténdese diminuír os custos de produción das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Tamén se fomenta a adaptación das variedades ás demandas do consumidor ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado.

Enlace á orde no DOG.
 

Imaxes relacionadas