A Escola Galega de Administración Pública acolle un novo curso DAFIS orientado a 30 profesionales de Educación Física

Nesta mesma semana, o secretario xeral para o Deporte anunciaba que a Secretaría Xeral xa está traballando coa Consellería de Sanidade e coa Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social para levar a cabo o programa de prescrición de exercicio para persoas maiores de 60 anos
 

Santiago, 17 de decembro de 2020

A Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte, como oficina técnica do Plan Galicia Saudable, vén de levar a cabo unha nova edición do curso DAFIS (Datos sobre a Valoración da Condición Física Saudable), neste caso orientado a unha trintena de profesores de Educación Física dos centros educativos participantes no Plan Proxecta, coa modalidade DAFIS escollida. Os obxectivos do curso son coñecer o funcionamento da plataforma dixital de valoración da condición física saudable DAFIS e a súa vinculación cos proxectos de vida activa en centros educativos, así como coñecer os protocolos e test propostos para a valoración da condición física saudable nos centros educativos a través da plataforma dixital DAFIS.

A modalidade do curso é mixta, sendo un total de 5 horas presenciais e 3 horas online. Nas horas a distancia o profesorado participante realizará o proceso para a obtención dos informes predefinidos que permite a plataforma.

DAFIS é unha plataforma baseada nun sistema de vixilancia da saúde a partir da avaliación e rexistro de indicadores de condición física. No caso dos nenos, esta avaliación realízase a través dos profesores de educación física, no desenvolvemento da súa materia nos centros adscritos ao programa de innovación educativa de vida activa e deportiva da Consellería de Educación. Os resultados desta avaliación son accesibles para o pediatra do neno avaliado, permitindo a análise e realización das actuacións necesarias conxuntas.

DAFIS rexistra actualmente case 30.000 avaliacións correspondentes a máis de 17.000 nenos, sendo premiado con accésit no 2013 e 2019 pola Estratexia Naves do Ministerio de Sanidade. Ademais, no ano 2018 foi seleccionado como boa práctica pola propia OMS, a través da súa oficina europea, e en particular no referido á súa aplicación no ámbito escolar.

Cómpre salientar que, nesta mesma semana, o secretario xeral para o Deporte anunciaba que a Secretaría Xeral xa está traballando coa Consellería de Sanidade e coa Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social para levar a cabo o programa de prescrición de exercicio para persoas maiores de 60 anos, seguindo as directrices da Organización Mundial da Saúde e coa plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable) como referencia de base para esa prescrición e seguimento da mellora da saúde a través da actividade física.

Imaxes relacionadas