A Xunta aboou máis de 165 millóns de euros en axudas directas da política agrarias común entre os meses de outubro e decembro

Galicia foi das primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da PAC correspondentes á presente campaña no mes de outubro, por un montante de 38 millóns de euros

Neste mes de decembro véñense de transferir as axudas directas restantes e outros 17 millóns de euros en achegas de desenvolvemento rural
 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), leva pagado máis de 165 millóns de euros das axudas da Política Agraria Común (PAC) entre os meses de outubro e decembro, é dicir, un 3% máis que no mesmo período do ano pasado.

Así, cómpre lembrar que Galicia foi das primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da PAC correspondentes á presente campaña. Así, no mes de outubro aboáronse preto de 38 millóns de euros en concepto de anticipo a máis de 15.000 gandeiros e agricultores, co fin de inxectar liquidez ás explotacións gandeiras galegas. A esta cifra súmanse outros 22,5 millóns de euros adiantados polas entidades bancarias no marco do convenio asinado coa Consellería, que permitiu abrir unha liña de préstamos a interese cero co fin de que os agricultores e gandeiros galegos puideran percibir o anticipo das axudas da PAC xa no verán e do que a Xunta pagou 225.000 euros da comisión de apertura destes anticipos para que os produtores as puidesen cobrar a custo cero.

Esta medida formou parte do Plan de liquidez posto en marcha en maio pola Xunta para anticipar o pago de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola emerxencia sanitaria, entre elas as da PAC.

Xa neste mes de decembro, a Consellería vén de transferir outros 126,6 millóns de euros en axudas directas e de desenvolvemento rural. Entre as primeiras están o coñecido pago básico, o pago verde, axudas para incorporación de mozos e pequenos agricultores e a de vacas nutrices. No tocante ás achegas de desenvolvemento rural, foron un total de 17,1 millóns de euros a 12.668 agricultores e gandeiros galegos beneficiarios das axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN). Desta cantidade, máis de 9,1 millóns de euros destínanse ás zonas con limitacións naturais de montaña e os outros 7,9 millóns de euros a outras zonas con limitacións naturais distintas das de montaña.
 

Imaxes relacionadas