A Xunta remata a rehabilitación da casa do legoeiro do Outo do Cumial e pon en valor esta contorna da Vía da Prata, ao carón da estrada autonómica OU-105, no concello de Ourense

A actuación supuxo un investimento autonómico de preto de 48.000 euros

Actuouse na mellora da integración paisaxística na contorna do Camiño de Santiago, que se suma ás actuacións realizadas nesta vía para o incremento da seguridade viaria, en Seixalbo, incidindo tamén na mellora do Camiño

A intervención na casa do legoeiro permitiu manter a configuración orixinal dos edificios e liberar as vistas do cruceiro, derribando as construcións anexas

Habilitouse unha pequena área de descanso para peregrinos a carón do cruceiro

Ademais acometéronse melloras no paso dos peregrinos no Cumial para encamiñalos ao punto máis seguro de cruce da estrada

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de rehabilitación da casa do legoeiro do Outo do Cumial e de posta en valor da contorna da Vía da Prata, ao carón da estrada autonómica OU-105, no municipio de Ourense.

Esta intervención supuxo un investimento autonómico de preto de 48.000 e permitiu a mellora e integración paisaxística na contorna do Camiño de Santiago. Os traballos foron validados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e véñense sumar a outras melloras realizadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta: como a mellora da seguridade viaria na propia OU-105, en Seixalbo, que tamén incidiu na mellora da Vía da Prata.

A casa do legoeiro
A casa do legoeiro utilízase na actualidade como edificación de servizo para os labores de conservación de estradas do departamento de Infraestruturas da Xunta e nos últimos anos realizáronse melloras interiores para mellor organización do servizo.

Con esta actuación mantense a configuración orixinal dos edificios da casa do legoeiro, dos anos 50 e libéranse as vistas do cruceiro, para o que se procedeu ao derrubamento das construcións anexas. Isto permitiu, ademais, habilitar unha pequena área de descanso para peregrinos a carón do cruceiro.

Os traballos incluíron o derribo das edificacións anexas e a retirada dos elementos da cuberta da casa do legoeiro, para a súa reparación e consolidación. Os cerramentos exteriores mantéñense e executáronse co mantemento das fachadas de cantería e fabrica existente.

Ademais, na contorna, a Xunta realizou melloras no paso dos peregrinos no Cumial, de modo que sexan encamiñados ao punto máis seguro de cruce da estrada.

Imaxes relacionadas