Arias subliña a necesidade de que empresas e administracións presten apoio colectivo ao deporte galego

O delegado territorial da xunta en lugo reuniuse hoxe co piloto monfortino Eduardo Iglesias, que vai participar por segunda vez no Rally Dakar

Iglesias vai contar co apoio da Xunta, a través da secretaría Xeral para o Deporte e de Galicia Calidade, ademais do patrocinio da empresa de Sarria Galimplant Sport

Javier Arias apunta que a marca Galicia Calidade e a Ruta Xacobea van estar presentes e van ter visibilidade nun dos circuítos de rally máis exixentes do mundo con ampla repercusión internacional
 

Monforte de Lemos (Lugo), 19 decembro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou hoxe a importancia de que empresas e administracións presten apoio colectivo ao deporte galego para que siga competindo ao máis alto nivel. Así o manifestou nun encontro que mantivo co piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, que vai participar no Rally Dakar 2021.

Trátase da segunda vez que participa nesta proba, que é unha das competicións máis duras no mundo do motor. Dispútase entre os días 3 e 15 de xaneiro e, unha vez máis, o piloto galego vai contar co apoio da Xunta, a través da secretaría Xeral para o Deporte e de Galicia Calidade, ademais do patrocinio da empresa de Sarria Galimplant Sport.

Arias apuntou que, con el, a marca Galicia Calidade e a Ruta Xacobea van estar presentes e van ter visibilidade nun dos circuítos de rally máis exixentes do mundo con ampla repercusión internacional. E, nesta liña, avogou por seguir brindando o máximo apoio aos deportistas galegos desde o ámbito institucional e empresarial para que poidan conquistar grandes títulos para Galicia.
 

Imaxes relacionadas