A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentaron hoxe o proxecto en compañía do alcalde de Lalín, José Crespo, e da delegada territorial da Xunta, Luisa Piñeiro

A Xunta licita por 9 millóns de euros as obras do centro integral de saúde de Lalín, que empezarán a executarse en primavera e levarán aparellados máis de 170 empregos

As empresas interesadas dispoñen de prazo ata o vindeiro 13 de xaneiro para presentar as súas ofertas, logo de que o anuncio previo de licitación permitise acurtar o procedemento de tramitación das obras

A conselleira de Infraestruturas garante que se axilizarán tamén os traballos de construción, de forma que o novo equipamento sanitario poida estar ao servizo dos veciños de Lalín e de toda a comarca do Deza antes de que remate 2022

Trátase dun equipamento sanitario de vangarda, pois será o segundo centro integral de saúde que vexa a luz en Galicia, tras o que a Xunta executa en Lugo

Construirase un edificio funcional e integrado na contorna, con case 5.000 metros cadrados de superficie útil distribuídos en 4 andares, 3 para o centro de saúde e 1 para o PAC

O conselleiro de Sanidade salienta o traballo da Xunta para dotar á comarca do Deza dunha atención sanitaria de calidade, poñendo á disposición dos veciños unha infraestrutura moderna e con capacidade de resolución de alto nivel
 

Lalín (Pontevedra), 19 de decembro de 2020

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar as obras do Centro Integral de Saúde de Lalín, que empezarán a executarse a vindeira primavera e levarán aparellados máis de 170 postos de traballo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Lalín, José Crespo, presentaron hoxe na capital do Deza o proxecto do futuro Centro Integral de Saúde, nun acto no que tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e a xerente da Área Sanitaria de Santiago, Eloína Núñez.

Na súa intervención a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor o traballo intenso realizado nos últimos meses para impulsar o Centro Integral de Saúde de Lalín, xa que o 13 de novembro a Xunta publicou un anuncio previo de licitación que permite agora acurtar o procedemento para a contratación dos traballos.

Desa forma, as empresas interesadas na execución das obras dispoñen de prazo ata o vindeiro 13 de xaneiro para presentar as súas ofertas e, a partir de entón, iniciarase o procedemento de valoración das propostas para a súa adxudicación.

Ethel Vázquez salientou tamén a estabilidade do Goberno galego, que puido aprobar no Consello da Xunta do 20 de novembro un Proxecto de lei de Presupostos da Xunta para 2021 que consignan os recursos necesarios para executar o Centro Integral do Saúde e que agardan acadar a aprobación do Parlamento a vindeira semana.

Tras a autorización do investimento polo Consello da Xunta do pasado 10 de decembro, o Goberno galego dá agora o paso definitivo da licitación das obras, que está xa publicada na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Ethel Vázquez asegurou que a Xunta actuará con axilidade tamén na execución dos traballos co obxectivo de que o novo equipamento sanitario poida estar ao servizo dos veciños de Lalín antes de que remate o ano 2022.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade cualificou o proxecto de “estratéxico” e destacou que este novo equipamento sanitario reforzará, con novos e mellores servizos, a atención sanitaria que reciben os veciños de Lalín, Rodeiro, Dozón e Agolada, ademais de prestar determinadas asistencias aos veciños de Silleda e Vila de Cruces, servindo a unha poboación total de preto de 35.000 persoas. “Traballamos para dotar á comarca do Deza dunha atención sanitaria de calidade, poñendo á disposición dos veciños dos concellos que integran a bisbarra unha infraestrutura moderna e con capacidade de resolución de alto nivel”, abundou.

Construirase un edificio de máis de 5.700 metros cadrados, cunha superficie útil de máis de 4.900 metros cadrados, que se distribuirán en catro andares, dos cales tres se dedicarán ao centro de saúde e 1 ao Punto de Atención Continuada (PAC).

O novo equipamento sanitario disporá de área asistencial, con 11 consultas de medicina, 11 de enfermería, 1 consulta de farmacia, 2 consultas de odontoloxía, sala de técnicas, mostras e varias polivalentes; tamén área de especialidades, con 4 consultas, 2 de enfermería e 3 gabinetes de exploración; área pediátrica, con 3 consultas, 2 de enfermería e 1 sala de atención integral; ademais de área de hospitalización a domicilio, atención á muller, rehabilitación, telemedicina, diagnóstico por imaxe ou hemodiálise; ademais do punto de atención continuada (PAC), que disporá de 3 consultas, sala de críticos, sala de observación e 5 dormitorios.

A posta en marcha do Centro Integral de Saúde de Lalín permitirá ampliar o programa de cirurxía menor ambulatoria, activar o servizo de rehabilitación cardíaca, de solo pélvico e de enfermidades músculo-esqueléticas. As instalacións disporán dunha área de servizo de transporte sanitario con soporte vital básico, espazos comúns, de persoal, administración e arquivo.

Contará cun deseño funcional pero tamén esteticamente coidado e integrado na contorna, que segue un esquema sinxelo, con dous patios interiores a modo de claustro nos que se envorcan as zonas de espera e de circulación.

Imaxes relacionadas