A Xunta investirá máis de 500.000€ no Museo do Pobo Galego en 2021 que permitirán completar o proxecto museográfico

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no Padroado da institución onde expuxo o compromiso para colaborar na nova etapa tras a súa ampliación

Co horizonte da próxima aprobación da lei de museos, poderá dar un paso máis na súa dimensión social e científica para ter “todo o protagonismo que merece”

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na reunión do Padroado do Museo do Pobo Galego onde salientou que o Goberno autonómico investirá o vindeiro ano máis de 500.000€ co obxectivo de reforzar esta institución como “símbolo, emblema e referente da rede de museos de Galicia, concretamente dentro do ámbito dos museos que reforzan a identidade de Galicia”.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura recordou o mantemento do convenio anual de máis de 330.000€ que contribúe ao financiamento de parte dos gastos do museo e impulsa actividades culturais que se desenvolven neste inmoble, así como o reforzo de 200.000€ para rematar a o deseño da nova da museografía que se estreará tras a ampliación do museo e que se desenvolverá na súa ala sur. Un importe conxunto de máis de 500.000 euros que se suman aos xa investidos a través do Consorcio de Santiago co fin de poñer en valor este espazo de forte simbolismo.

Anxo M. Lorenzo referiuse, ademais, á “futuro esperanzador” que lle espera ao Museo do Pobo Galego co horizonte da próxima aprobación da lei de museos de Galicia que avanza na súa tramitación parlamentaria. “Suporá un antes e un despois para que ademais de expor o noso acervo, o Museo do Pobo Galego dea un paso máis para impulsar a súa dimensión social e científica, fomentando a investigación e tamén unha mellor comprensión do noso pasado e presente reforzando o seu papel pedagóxico e económico”, dixo.

Como indicou, esta é a primeira lei galega que regulará, de forma autónoma e independente, este ámbito “outorgándolle a estas institucións todo o protagonismo e a relevancia que merecen” e recordou que a Xunta reforzará os museos cun 12% máis de investimento en 2021 co obxectivo de impulsalos como xeradores de coñecemento e de riqueza.

Entre outras medidas destacou algunhas das principais novidades da lei como a posta en marcha do Sistema Galego de Centros Museísticos, unha estrutura organizativa e funcional para coordinar de xeito eficiente os recursos así como o desenvolvemento das redes de centros museísticos, unha figura que fomenta a cooperación e aproveitamento dos recursos, á que os museos poderán adherirse en función da súa titularidade ou temática.