A administración autonómica finaliza o proceso de implantación do Plan de transporte público de Galicia coa entrada en servizo dos últimos 19 contratos

A Xunta culmina a modernización do transporte público de Galicia coa posta en marcha o día 23 de 824 liñas de autobús que melloran os servizos e garanten 800 empregos

Son 3 contratos de servizos de longa distancia e 16 de ámbito comarcal e intermunicipal que supoñen un investimento anual de 9,3 millóns de euros

Das novas liñas, 360 serán de autobús compartido e 279 baixo demanda

Os contratos prevén a utilización e 518 autobuses que percorrerán case 26,7 millóns de quilómetros cada ano e reservarán praza para uns 7.500 escolares

A conexión entre Lugo e Santiago estrea unha liña directa pola autovía A-54 e reduce o tempo de viaxe en 40 minutos

Bota a andar o Xacobús para os desprazamentos dos peregrinos entre Pedrafita e Compostela, con máis frecuencias de marzo a outubro

Prevese a extensión a todas as liñas de autobús interurbano das tarxetas de Transporte Metropolitano de Galicia e Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2020

A Xunta completará o vindeiro día 23 de decembro a modernización do transporte público interurbano coa entrada en vigor dos últimos 19 contratos do Plan de Transporte Público de Galicia, que suporán a posta en marcha de 824 liñas de autobús que melloran o servizo aos usuarios e garanten o emprego a 599 condutores e 188 acompañantes.

Os servizos que se poñen en marcha correspóndense con 3 novos contratos para os servizos de longa distancia e outros 16 de ámbito intermunicipal e comarcal, en diversas zonas das provincias da Coruña, de Pontevedra e de Lugo.

En conxunto, os 19 contratos que o día 23 se poñen en servizo suman 824 liñas de autobús e supoñen un investimento da Xunta de 9,3 millóns de euros ao ano. Das novas liñas, 360 serán de autobús compartido e 279 contará con, polo menos, unha parada baixo demanda.

A prestación destas expedicións contempla a utilización de 518 autobuses que percorrerán case 26,7 millóns de quilómetros ao ano, a través de 5.229 paradas e reservarán praza para máis de 7.500 escolares.

Estes novos contratos, unidos aos que xa están en vigor, conforman o mapa definitivo do transporte público que funcionará en Galicia na próxima década. Deste xeito, a comunidade queda conectada mediante unha rede con máis de 3.100 liñas de autobús que atenden máis de 49.000 paradas. A oferta de transporte interurbano acadará, así, os 2,3 millóns de servizos anuais e os 58,4 millóns de quilómetros percorridos.

A Xunta de Galicia inviste 73 millóns de euros anuais para a implantación e o mantemento de toda esta rede de servizos de transporte público.

Contratos de longa distancia

Os contratos de longa distancia que botan a andar este mesmo mes completan o deseño dunha rede de conexións que vertebra a mobilidade en autobús en toda Galicia. Trátase de tres contratos que cobren os servizos entre Lugo e Santiago de Compostela; os do Eixo Atlántico e as conexións con Lugo, Lalín e Fisterra; e os servizos entre A Coruña, Ferrol, Ortigueira, Viveiro, Vilalba e Lugo.

Neste novo mapa de servizos de longa distancia, o contrato de servizos entre Lugo e Santiago estrea a liña do Xacobús, para atender as necesidades dos desprazamentos de peregrinos entre Pedrafita do Cebreiro e Compostela. Esta liña nace con dous servizos diarios que funcionan todo o ano, e un reforzo de dous máis de marzo a outubro, meses nos que o Camiño recibe unha maior afluencia de peregrinos.

Ademais, este contrato estrea unha liña directa entre Lugo e Santiago a través da autovía A-54, que reduce o tempo de viaxe en 40 minutos con respecto da que circula pola estrada nacional. Entra en funcionamento con 4 servizos os días laborables e permite reducir tempos, de 2 horas e 5 minutos a 1 hora e 25 minutos de traxecto.

Tamén se inclúen neste contrato outras liñas que conectan este eixe con outros concellos da contorna. En total suman 9 liñas, das cales unha é compartida e outra baixo demanda, que abarcan 165 paradas. Deste xeito, cada ano prestaranse case 11.800 servizos e os 12 autobuses percorrerán máis de 1,15 millóns de quilómetros, dando emprego a 16 condutores e 1 acompañante.

Por outra banda, o contrato do Eixo Atlántico comprende un conxunto de liñas que reforzan as conexións entre as sete cidades galegas. Artellan unha rede para cubrir os desprazamentos por toda Galicia de norte a sur desde Ferrol ata Vigo e tamén ao largo, chegando desde Fisterra ata Lugo ou Verín.

Dentro desta reordenación inclúense unha boa parte de liñas que contan cun número reducido de paradas para facer máis áxiles os desprazamentos entre as cidades: entre Santiago e Fisterra, con dous servizos diarios de luns a venres; entre A Coruña e Vigo, pola AP-9, con 15 servizos diarios de luns a venres e paradas en Santiago e Pontevedra; entre A Coruña e Santiago, con 5 servizos diarios de luns a venres; entre Santiago e Vigo, con 2 servizos diarios de luns a venres; e entre Santiago e Ourense, con 11 servizos cada día laborable.

En total, as 62 liñas que forman parte deste contrato, das cales unha está dispoñible baixo demanda, chegan a 443 paradas. Cada ano prestaranse máis de 72.000 servizos e os 62 autobuses en funcionamento percorrerán preto de 6,4 millóns de quilómetros, dando emprego a 86 condutores.

En canto ao terceiro dos contratos de longa distancia, abarca este tipo de traxectos no norte das provincia de Lugo e da Coruña, á vez que inclúe conexións con Santiago, Lugo e Ourense.

Entre as melloras que ofrece este contrato atópase a creación dunha nova liña directa entre Lugo e Ferrol, que nace con 3 servizos ao día, de luns a venres, e un reforzo os domingos durante a temporada lectiva universitaria.

Ademais, a implantación do contrato establece as conexións da Mariña coas cidades de Santiago e A Coruña, e contempla 3 liñas entre A Coruña e Ourense.

En total, conforman este contrato 17 liñas que dan cobertura a 415 paradas, con ata 8.000 servizos anuais que elevan a cifra de quilómetros percorridos polos 10 autobuses que operan as viaxes ata os 900.000, dando emprego a 12 condutores.

Outros 16 contratos de ámbito comarcal e intermunicipal

Ademais dos contratos de longa distancia, o día 23 de decembro entran en vigor outros 16 de ámbito comarcal e intermunicipal, que veñen completar a implantación do Plan de Transporte Público de Galicia.

Estes novos contratos abranguen liñas de autobús que operarán en case toda a provincia da Coruña, na provincia de provincia de Pontevedra e, en menor medida, na de Lugo.

Así, na provincia da Coruña entran en servizo os seguintes contratos:

 

CÓDIGO DO CONTRATO

DENOMINACIÓN
XG804

Oeste da comarca de Santiago

XG807
Sur da comarca de Santiago
XG813
Sur da comarca de Fisterra
XG847
Comarca do Barbanza
XG848

Norte das comarcas de Fisterra, Bergantiños e A Coruña

XG871

Norte da comarca de Betanzos, sur da de Ferrol e oeste da de Eume

XG881

Leste da comarca da Coruña

XG884

Termos municipais de Ortigueira e Mañón

Na provincia de Lugo:

 

CÓDIGO DO CONTRATO

DENOMINACIÓN
XG833

Termos municipais de Begonte e Guitiriz

XG889

Termos municipais de Riotorto e A Pontenova

XG891

Termos municipais de Pantón e O Saviñao

En Pontevedra:

 

CÓDIGO DO CONTRATO

DENOMINACIÓN
XG814

Centro da comarca do Salnés

XG835

Sueste da comarca de Pontevedra

XG859

Termo municipal de Tui

XG883

Comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo

XG888

Sur da comarca de Paradanta e centro da do Condado

Vantaxes económicas do Plan de Transporte Público de Galicia

A posta en marcha de todos os contratos deseñados ao abeiro do Plan de Transporte Público de Galicia que culmina o día 23, permite estender as súas vantaxes ao usuarios de toda a comunidade. A reordenación do transporte interurbano incorpora melloras nas frecuencias, horarios e na eficiencia para as empresas, converténdose nun servizo público mellor adaptado ás necesidades actuais da sociedade galega.

Así, ás melloras na cobertura das liñas e nos horarios, hai que sumarlles o aforro económico. A modernización do transporte público permitiu acadar un sistema máis eficiente, grazas tamén á aposta polas modalidades de transporte compartido e baixo demanda, cun único sistema tarifario e prezos máis baixos.

Ademais, ao culminar a implantación do Plan de Transporte Público será posible estender ao conxunto de Galicia o uso da tarxeta de Transporte Metropolitano e, progresivamente, a Xente Nova, de tal xeito que na primeira metade de 2021 todos os menores de 21 anos poderán viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta.

Datos dos novos servizos no sitio web Bus.gal.

Para que as persoas usuarias do transporte público estean informadas dos cambios, a Xunta dispón do sitio web Bus.gal, que facilita o acceso a eses datos.

Accedendo ao citado sitio web, os usuarios poden botar man dun formulario que lles permite planificar a súa viaxe. Escollendo unha orixe, un destino e a data do desprazamento, a páxina amosa as expedicións dispoñibles para ese servizo concreto. Esta ferramenta contempla incluso a opción de transbordos para completar o itinerario.

Ademais, Bus.gal tamén ofrece a posibilidade de descargar unha ficha informativa dos servizos actualizados para cada municipio que se implantarán o día 23. Para obtela é preciso dirixirse á pestana de ‘descargas’ do sitio web e seleccionar o concello que sexa de interese. Con estas dúas opcións, os viaxeiros poden consultar en calquera momento e dun xeito áxil os servizos que teñen dispoñibles.

En días pasados a Xunta dirixiuse aos 194 concellos beneficiarios destes novos servizos de transporte para informalos da posta en marcha e para comunicarlles que a través da páxina web Bus.gal teñen dispoñibles todas as liñas e horarios referidas ao seu ámbito territorial. Esta información tamén se tren trasladado aos 86 centros escolares cuxo transporte está incluído nalgún dos 19 contratos que se implantarán o vindeiro 23 de decembro, facilitándoselles ademais un contacto do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade encargado de cada contrato, ao obxecto de resolver dúbidas ou atender calquera consideración.

Imaxes relacionadas