Medio Ambiente adxudica por case 170.000 euros os traballos de humanización da rúa San Benito, no concello de Arbo

As actuacións previstas, cun prazo de execución de tres meses, pretenden cambiar a pavimentación así como renovar as redes de servizos básicos e a iluminación

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de adxudicar por un importe de 169.514,84 euros, IVE incluído, as obras de humanización da rúa San Benito, no Concello de Arbo (Pontevedra).

Cun prazo de execución de tres meses, os traballos previstos consisten no cambio da pavimentación cunha calzada con acabado bituminoso e beirarrúas realizadas con baldosa hidráulica ou con pavimento de granito. Renovaranse ademais as redes de servizo, disporanse canalizacións para a rede de telecomunicacións e enerxía eléctrica, dotarase a rede exterior de luminarias Led e de sinalización horizontal e vertical.

Esta actuación, que foi adxudicada a finais de novembro á empresa Escavacións e Construcións Manuel Pérez Portela, quedou comprometida o pasado mes de marzo mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Arbo no marco do chamado Plan Hurbe.

Cómpre lembrar que a Xunta puxo en marcha este programa no ano 2010 para contribuír á posta en valor das vilas galegas e dos núcleos rurais a través da colaboración cos concellos na execución de diversos tipos de actuacións orientadas a frear o despoboamento, a potenciar as infraestruturas, servizos e equipamentos públicos e, en definitiva, a mellorar o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes.

Na última década e con cargo ao Plan Hurbe, a Consellería de Medio Ambiente ten executado ou comprometido un total de 317 actuacións urbanísticas en decenas concellos galegos, actuacións coas que se mobilizan 148,96 millóns de euros. Este esforzo tamén terá continuidade no ano 2021, durante o que a Xunta convocará unha orde de axudas dotada con 1,3 millóns de euros para a creación ou mellora de infraestruturas municipais, en liña cos obxectivos de dinamización social e humanización fixados polo Hurbe.