A Xunta amosa a Galicia dos anos 40 baixo a mirada de García Garrabella na nova mostra do Arquivo Histórico Provincial de Lugo

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, inauguraron ‘Envíame unha postal’ que propón un percorrido polas fotografías do artista a través dun fondo de negativos para postais

O Goberno galego mantén unha política de acrecentamento de fondos documentais de interese para Galicia

Lugo, 18 de decembro de 2020

A Xunta expón desde hoxe ata o 18 de marzo unha selección dos 348 negativos para postais da empresa García Garrabella que custodia o Arquivo Histórico Provincial de Lugo e forman parte dos fondos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, inauguraron hoxe a mostra que, baixo o título Envíame unha postal, fai un percorrido polas fotografías tomadas por Luis García Garrabella nas décadas dos 40 e 50 do século XX a paisaxes e monumentos de varias poboacións das provincias de Lugo e A Coruña.

O representante autonómico explicou que a Xunta mantén unha política de incremento de fondos documentais de interese para Galicia, para o que se procura a cesión ou adquisición de arquivos galegos tanto públicos como privados. O obxectivo é enriquecer os arquivos autonómicos e achegar á cidadanía información de valor en relación coa identidade galega e o noso acervo cultural.

O fondo de negativos en vidro e en acetato da empresa García Garrabella y Compañía (unha das casas editoras de postais máis prolíficas dos anos 60 e 70) foron adquiridos pola Consellería a Jerónimo Gilabert, en representación de Martínez Santolaya,S.L., entre 2004 e 2007, xunto con outro lote de negativos de Arribas. No ano 2017 foron catalogados e dixitalizados e están a disposición da cidadanía en Galiciana, Patrimonio Dixital de Galicia, o portal de difusión dos recursos patrimoniais dixitalizados da cultura galega.

Enmárcase no traballo da Xunta para consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e facilitar os seu acceso universal na rede. Para a construción desta Memoria Dixital apostouse polas sinerxías e modelos colaborativos entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural coa intención de acadar o maior nivel de catalogación, preservación e difusión, independentemente da súa ubicación ou propiedade.