O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias mantivo un encontro con gandeiros de Boimorto para explicarlles os contidos do documento

A Estratexia de dinamización do sector lácteo galego procurará aumentar o peso das DOP de queixo na transformación industrial

Así o resaltou José Balseiros nunha comarca de importante vocación queixeira, na que sinalou que entre outras medidas buscarase adaptar os formatos e os envases destes produtos ás novas demandas de consumo e tipos de fogares

Tamén se referiu á normativa galega que regulará a xestión integral das dexeccións gandeiras e ás alegacións presentadas pola Xunta ao decreto estatal sobre nutrición dos solos agrarios

Boimorto (A Coruña), 18 de decembro de 2020

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, xunto co director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, mantivo hoxe un encontro con gandeiros da bisbarra de Boimorto para explicarlles a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego. No marco da rolda de contactos que se está a levar a cabo para dar a coñecer ao sector as medidas que se prevén aplicar deica o ano 2025, o director xeral destacou nesta ocasión que un dos obxectivos da estratexia pasa por aumentar o peso das denominacións de orixe protexidas (DOP) de queixo galegas na transformación industrial.

Así, nunha comarca como a de Arzúa, de importante vocación queixeira, Balseiros explicou que, para acadar esta finalidade, algunhas das medidas concretas teñen que ver, por exemplo, coa adaptación dos formatos e os envases destes produtos de calidade ás novas demandas de consumo e tipoloxía dos fogares. Nesta liña, trasladou que se avanzará na modificación dos pregos de condicións das DOP para facer estas adaptacións ou para modificar as razas permitidas para a produción de leite. Tamén se reforzarán as campañas de promoción destes produtos, entre outras iniciativas previstas na estratexia.

Estas propostas enmárcanse nun dos eixos estratéxicos do documento, que se centra no obxectivo de aumentar a industrialización do leite en Galicia apostando pola diversificación de produto, entre outras actuacións. Ademais, como explicou o director xeral, está previsto desenvolver accións de política industrial orientadas á captación de investimento industrial en Galicia conectado cos mercados internacionais, como se ten feito noutras rexións produtoras europeas. Ao mesmo tempo, buscarase aproveitar as capacidades e potencialidades de Galicia para a produción e o asentamento de novos operadores industriais, tanto para mellorar a balanza comercial dos produtos lácteos en España como para abrir camiño cara á exportación.

Todo isto, lembrou Balseiros, no eixo relativo á industria, que é un dos cinco nos que se estrutura a estratexia. Os outros catro están pensados para incidir na produción, nos mercados, na cadea de valor e na formación e a innovación.

Así, no ámbito da produción, entre outras propostas salienta a de garantir a continuidade das granxas viables, creando un Banco de explotacións que acolla as que non teñan remuda e establecendo un programa de preparación que poña en contacto aos produtores que se retiran cos que teñen intención de incorporarse. Nesa liña, destacou que proximamente entrará no Parlamento a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirá habilitar novos mecanismos de mobilización para dotar ás explotacións de máis base territorial. En todo caso, recalcou José Balseiros, seguiranse promovendo procesos de reestruturación parcelaria ao tempo que se impulsan figuras como os polígonos agroforestais e cortalume, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta.

No relativo aos mercados, cómpre incidir no posicionamento dos produtos lácteos galegos, da man do selo Galega 100% e das novas marcas para distinguir o leite de pastoreo e o de produción integrada. Dentro do ámbito da cadea de valor, contémplase a creación dun programa informático para que os gandeiros poidan calcular os seus custos de produción e negociar mellor a venda do leite, ademais de facer estudos comparativos con respecto ao sector. A maiores, neste campo perseguirase reforzar a relación entre os distintos axentes implicados, impulsando o asociacionismo profesionalizado e fomentando a entrada das cooperativas no capital das novas industrias que se asenten en Galicia, como garantía da recollida do leite e para que poidan beneficiarse da transformación do seu produto. No que atinxe á formación e innovación, traballarase por responder ás necesidades dos gandeiros e industrias, fortalecendo as estruturas de formación, investigación e innovación da nosa comunidade, así como a tecnoloxía a disposición do sector.

Por último, neste encontro Balseiros tamén destacou que a Xunta promoverá unha normativa galega para regular a xestión integral das dexeccións gandeiras, garantindo a trazabilidade dende a produción ata o seu tratamento final. Nesa dirección, o director xeral lembrou que o Goberno galego presentou alegacións ao decreto estatal sobre nutrición dos solos agrarios para adaptalo ás explotacións galegas. Así, solicitouse que se teñan en conta os condicionantes naturais de Galicia e a escasa base territorial da maioría das súas explotacións, ademais de pedir proporcionalidade nas cargas que impón o borrador canto á capacidade contaminante dos xurros e que se valoren e compensen os investimentos que deben facer agricultores e gandeiros para cumprir a norma.

Imaxes relacionadas