A Xunta destaca na Coruña a valentía dos emprendedores para axudar a reactivar a economía galega

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinala na entrega dos XXI Premio AJE Emprende A Coruña que “se temos emprendedores, o motor da nosa economía funcionará sempre a pleno rendemento”

A Coruña, 18 de decembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, agradeceu hoxe na entrega do XXI Premio AJE Emprende A Coruña, a valentía dos emprendedores para axudar a Galicia no actual contexto social e económico, apuntando que “se temos emprendedores, o motor da nosa economía funcionará sempre a pleno rendemento”.

Conde sinalou que, a pesar das circunstancias, neste 2020 se levan posto en marcha máis de 1.200 iniciativas empresariais na provincia e apuntou que este ano será o do cambio, porque a crise obriga a replantexar moitos obxectivos. Neste sentido, explicou que o cometido da Xunta é achegar unha rede de apoio para resistir e afrontar os novos retos, tanto ao colectivo de autónomos e emprendedores como aos sectores máis afectados pola crise. E, en segundo lugar, sentar as bases para propiciar o cambio que se teñen que dar no modelo produtivo para crecer de forma máis sustentable e dixital.

Desde que comezou a pandemia a Xunta traballa tanto en articular medidas de protección como de reactivación económica, con iniciativas como o Plan de rescate para persoas autónomas, a nova liña de créditos brandos por 10 millóns de euros ou as axudas directas por 3 millóns de euros para a instalación de terrazas e o reparto de comida a domicilio.

En paralelo, estase a tramitar a Lei de reactivación económica, que avanza na simplificación administrativa, e estase definindo a candidatura galega aos fondos europeos de reconstrución Next Generation, que van supoñer, tal e como sinalou Conde, unha gran oportunidade para impulsar proxectos industriais no ámbito da economía verde e a dixitalización.
 

Imaxes relacionadas