A Xunta porá en servizo o vindeiro día 23 os 5 novos contratos que completan a renovación integral do transporte público na provincia de Lugo

Os servizos previstos nestes contratos conectarán Begonte e Guitiriz, Riotorto e A Pontenova, Pantón e O Saviñao; ademais de Lugo con Santiago e con Ferrol e A Coruña

A nova liña directa entre Lugo e Santiago, que empregará a autovía A-54 e contará con 4 servizos diarios de luns a venres, reducirá o tempo da viaxe en 40 minutos

Os contratos de proximidade amplían a cobertura no rural e incorporan melloras como o acceso aos centros de saúde ou ás cabeceiras de comarca

A Xunta duplicou xa as frecuencias entre Lugo e A Coruña e implantou conexións directas de Monforte co HULA e coa Mariña e co Hospital da Costa

Nos vindeiros meses estenderase a toda a provincia de Lugo a Tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan de balde no autobús da Xunta
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020.- A Xunta porá en servizo o vindeiro día 23 os 5 novos contratos que completan a renovación integral do transporte público na provincia de Lugo.

Así o avanzou hoxe o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, que detallou na Comisión 2ª do Parlamento estes contratos: Begonte – Guitiriz; Riotorto - A Pontenova; Pantón - O Saviñao; e os interprovinciais, entre Lugo e Santiago de Compostela e las conexións entre Lugo e A Coruña – Ferrol – Ortigueira – Viveiro - Vilalba.

Subliñou que no que se refire aos contratos de longa distancia, se habilitará a liña Lugo-Ferrol, que permitirá a conexión directa con tres servizos de luns a venres e o reforzo os domingos en temporada lectiva universitaria.

Apuntou que tamén bota a andar a liña do Xacobús, entre Pedrafita e Santiago, que contará con catro frecuencias diarias de marzo a outubro e dúas o resto do ano.

Engadiu a activación da nova liña directa entre Lugo e Santiago que emprega os tramos da autovía A-54 que están abertos. Trátase de catro servizos ao día de luns a venres, reducindo o tempo da viaxe en 40 minutos, desde 2 horas e 5 minutos a 1 hora e 25.

En canto aos contratos de proximidade, destacou que amplían a cobertura do transporte no rural e incorporan melloras solicitadas durante a información pública. Por exemplo, no contrato dos termos municipais de Begonte e Guitiriz, 15 liñas permitirán a comunicación co centro de saúde de Guitiriz.

Puntualizou que nas liñas relativas aos municipios de Riotorto e A Pontenova se introduce un servizo, con destino a cabeceira de comarca, en época non lectiva con 2 servizos 2 días a semana.

No contrato para Pantón e O Saviñao, funcionará unha conexión directa entre Pantón e Monforte, pasando polo Hospital comarcal con dous servizos de luns a venres todo o ano. Ademais, haberá un enlace do rural co Saviñao en época non lectiva con dous servizos ao día, dous días a semana.

Melloras xa en marcha

O director xeral de Mobilidade explicou que as citadas novidades se suman ás melloras xa en marcha neste ano no sistema de transporte da provincia lucense.

Lembrou que se dobraron as frecuencias entre A Coruña e Lugo ata os 22 servizos diarios de luns a venres, fronte aos 10 anteriores.

Concretou que no caso da liña directa entre Lugo e Ourense se optimizou a conexión con dous servizos máis os días laborables, aumentando de 8 a 10.

Tamén recordou as adaptacións activadas nas comunicacións interiores, como por exemplo na zona de Sarria, onde os veciños pasaron das 20 frecuencias diarias con Lugo aos actuais 26 servizos cada día laborable.

Salientou que no caso de Monforte de Lemos, incluíuse unha parada na residencia de maiores e no hospital, que antes non existían.

Ademais remarcou a conexión directa de Monforte co HULA, con horarios adaptados aos usuarios e aos traballadores. De xeito máis concreto, son 15 servizos de luns a venres, 10 os sábados e 6 os domingos e festivos, durante todo o ano.

Este aumento das expedicións aos complexos hospitalarios tamén se puxo en marcha na comarca da Mariña, pois o Hospital da Costa pasou de non ter conexión de transporte público a acadar as actuais 49 frecuencias os días laborables en 8 liñas distintas.

Vantaxes do transporte metropolitano

Ignacio Maestro engadiu as vantaxes económicas a estas melloras nos servizos. Neste sentido, puxo en valor a extensión nos vindeiros meses a toda a provincia de Lugo da Tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan de balde no autobús da Xunta.

Ademais fixo fincapé na creación, antes de que remate o vindeiro ano, da Área de Transporte de Galicia, coa que se amplificarán a toda a comunidade as vantaxes do transporte metropolitano.

Datos dos novos servizos no sitio web Bus.gal

Para que as persoas usuarias do transporte público estean informadas dos cambios, a Xunta dispón do sitio web Bus.gal, que facilita o acceso a eses datos.

Accedendo ao citado sitio web, os usuarios poden botar man dun formulario que lles permite planificar a súa viaxe. Escollendo unha orixe, un destino e a data do desprazamento, a páxina amosa as expedicións dispoñibles para ese servizo concreto. Esta ferramenta contempla incluso a opción de transbordos para completar o itinerario.

Ademais, Bus.gal tamén ofrece a posibilidade de descargar unha ficha informativa dos servizos actualizados para cada municipio que se implantarán o día 23. Para obtela é preciso dirixirse á pestana de ‘descargas’ do sitio web e seleccionar o concello que sexa de interese. Con estas dúas opcións, os viaxeiros poden consultar en calquera momento e dun xeito áxil os servizos que teñen dispoñibles.

En días pasados a Xunta dirixiuse aos 194 concellos beneficiarios destes novos servizos de transporte para informalos da posta en marcha e para comunicarlles que a través da páxina web Bus.gal teñen dispoñibles todas as liñas e horarios referidas ao seu ámbito territorial. Esta información tamén se tren trasladado aos 86 centros escolares cuxo transporte está incluído nalgún dos 19 contratos que se implantarán o vindeiro 23 de decembro, facilitándoselles ademais un contacto do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade encargado de cada contrato, ao obxecto de resolver dúbidas ou atender calquera consideración.
 

Imaxes relacionadas