Luisa Piñeiro visita a exposición 'Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas' na Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra

A mostra, que permanecerá aberta na cidade ata o próximo 31 de xaneiro, está promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade e conta, a través de paneis, as vivencias de doce reporteiras

Pontevedra, 18 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitou esta mañá na Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra a exposición Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade para poñer en valor a loita das precursoras galegas no ámbito da comunicación e o seu esforzo a prol da equidade laboral.

Esta mostra, que permanecerá aberta ata o próximo 31 de xaneiro, está conformada por un conxunto de paneis que conta as vivencias, a biografía e as experiencias de doce reporteiras, escritoras, directoras e ata corresponsais de guerra como Sofía Casanova, Concha Castroviejo, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato Muruais, María Luz Morales, Mercedes Vieito Bouza, Pura Vázquez Iglesias, Concepción Arenal, Clara Corral Aller, Virginia Felicia Auber, María Vinyals e Avelina Valladares Núñez.

Na colección amósanse, de xeito visual e didáctico, diversos aspectos da súa traxectoria, que veu marcada, na práctica totalidade dos casos, polo inconformismo, a rebeldía contra a discriminación, a excelencia creadora e a loita pola igualdade.

“Creo que se trata dunha gran iniciativa para toda a sociedade, pero especialmente para que a mocidade coñeza unha parte fundamental da nosa historia e dos inicios da loita pola igualdade. E tamén serve de recoñecemento a mulleres fundamentais na profesión xornalística galega, que contribuiron enormemente á modernización política, social e cultural empregando o valor da palabra a través dos seus escritos e da súa voz”, explicou Luisa Piñeiro, que percorreu a exposición coa directora da biblioteca, Alejandra Mosquera.
 

Imaxes relacionadas