A conselleira do Mar participou na presentación da Guía de cálculo, certificación e comunicación da pegada de carbono no sector conserveiro galego

A Xunta destaca o valor do compromiso ambiental para impulsar a competitividade da cadea mar-industria

A guía elaborada por Anfaco xunto ao Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC permitirá ás conserveiras coñecer a carga ambiental dun produto e avaliar as accións para reducir emisións de gases de efecto invernadoiro

Rosa Quintana felicitou aos promotores desta iniciativa polo seu labor de transmisión de coñecemento científico á industria mariña e alimentaria e de desenvolvemento competitivo e sustentable do sector

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo hoxe fincapé na importancia de contar con accións que promovan a preservación do medio ambiente e que contribúan a incrementar a competitividade dos produtos do mar. Un exemplo, sinalou, é a Guía de cálculo, certificación e comunicación da pegada de carbono no sector conserveiro galego, elaborada por Anfaco-Cecopesca no marco do convenio anual de colaboración coa Consellería do Mar.

Así o expuxo durante a xornada de presentación desta ferramenta, na que participou por videoconferencia. A pegada de carbono é un indicador ambiental que busca reflectir os gases de efecto invernadoiro emitidos por efecto directo ou indirecto. Para a elaboración da guía, Anfaco contou coa colaboración do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, “que conta con ampla experiencia na aplicación destas metodoloxías á industria do mar” e con ela “as conserveiras poderán dispor de máis información ante a toma de decisións”, apuntou a conselleira.

Nesta liña, explicou que esta ferramenta permitirá ás empresas do sector conserveiro coñecer a carga ambiental dun produto e avaliar as accións encamiñadas á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Con ela tamén poderán comunicar a pegada de carbono a todos os elementos da cadea de valor, así como aos consumidores finais.

Ademais a titular de Mar felicitou a Anfaco polo seu labor de transmisión de coñecemento científico á industria mariña e alimentaria e de desenvolvemento competitivo e sustentable do sector así como ao Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC pola súa colaboración. Neste sentido, subliñou que o traballo realizado concorda co cometido do Executivo galego de potenciar e difundir os produtos do mar de Galicia máis alá das súas fronteiras.

Outro exemplo de acción encamiñada a ese obxectivo é a marca de garantía Pescaenverde, desenvolvida por este equipo da USC e que consiste nunha ecoetiqueta que, ademais de promocionar o peixe fresco, identifica e cuantifica as emisións de gases de efecto invernadoiro que se xeran e a enerxía que se consume nas actividades extractivas das embarcacións, nas operacións portuarias e na distribución. Esta marca está presente en 15 portos da provincia da Coruña e acompaña ao selo de calidade da Xunta pescadeRías. Deste xeito, subliñou Rosa Quintana, “acredita que a pesca galega é sustentable e está comprometida co medio ambiente”.

Todo este traballo, explicou, concorda co establecido no Pacto Verde Europeo (European Green Deal) proposto pola Comisión Europea en decembro de 2019. Esta ferramenta inclúe unha folla de ruta con accións para impulsar un uso eficiente dos recursos mediante o paso a unha economía limpa e circular, restaurar a biodiversidade e reducir a contaminación. Neste marco a Unión Europea pretende presentar unha estratexia sobre a biodiversidade para protexela. Dentro do Pacto Verde está a Estratexia da granxa á mesa que ten como obxectivo principal facilitar ao consumidor a toma de decisións en relación aos indicadores ambientais.

Imaxes relacionadas