O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron hoxe dúas asociación que actúan neste ámbito coincidindo co Día do Migrante

A Xunta avoga polo traballo conxunto coas entidades sociais para mellorar a integración da poboación inmigrante

Destínanse preto de 500.000 euros a financiar os programas formativos que desenvolven Diversidades e Acción Laboral na cidade olívica

Vigo, 18 de decembro de 2020

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, defendeu hoxe, con motivo do Día do Migrante, a colaboración das Administracións públicas coas entidades sociais para avanzar cara a unha Galicia cada vez máis integradora e acolledora. O director xeral aproveitou esta efeméride para visitar, acompañado da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, dúas asociacións da cidade olívica que traballan neste ámbito: Diversidades e Acción Laboral.

Tras achegarse ao proxecto que desenvolve a asociación Diversidades con adolescentes en situación de abandono escolar prematuro, Arturo Parrado destacou a importancia que ten a formación e o acompañamento ás persoas que veñen de fóra para que sexa máis doada a súa integración. A Xunta achega a esta entidade máis de 306.000 euros para a realización durante os vindeiros dous anos deste tipo de programas formativos, que tamén están dirixidos a persoas adultas.

A continuación, o responsable do departamento autonómico mantivo un encontro cun colectivo de inmigrantes que participan nos programas de inclusión que leva a cabo Acción Laboral: formación dixital básica, iniciación ao galego, ferramentas 2.0 para buscar emprego ou ofimática, entre outras accións formativas. A Administración autonómica financiará con 192.000 euros as iniciativas que leve a cabo esta entidade entre o presente exercicio e o ano 2022.

Fondos para entidades e concellos

A Consellería de Política Social destina uns tres millóns de euros ao ano a programas especificamente dirixidos á poboación inmigrante. Estes fondos permiten financiar actuacións en toda Galicia, tanto de entidades sociais como dos concellos en diferentes ámbitos, como programas de inclusión sociolaboral e de transición ao emprego; formación, apoio á conciliación; asesoramento técnico especializado para proporcionar información en cuestións como estranxeiría, por exemplo; ou mediación social e intercultural.

Imaxes relacionadas