A Xunta destaca a calidade dos viños galegos e o potencial económico e turístico que xera o sector vitivinícola

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron esta mañá no acto de entrega dos Premios D.O. Ribeiro 2020

Alfonso Rueda resaltou o compromiso da Xunta por impulsar o sector a través dun plan estratéxico de dinamización territorial e a necesidade de combinalo co turismo para crear produtos turísticos diferenciados

O conselleiro do Medio Rural sinalou que hoxe sae publicado no DOG a ampliación do prazo para solicitar os chamados préstamos vendima ata o 30 de decembro, a través dos que se poden mobilizar ata 37,5 millóns de euros en 2020
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron hoxe na entrega dos Premios da Denominación de Orixe Ribeiro 2020. Neste acto, Alfonso Rueda resaltou a calidade dos viños galegos e a súa contribución ao desenvolvemento da economía e ao futuro do rural, así como o potencial turístico do sector vitivinícola.

Na súa intervención incidiu o compromiso da Xunta por reforzar a marca Galicia Calidade como un selo que identifique a calidade de produtos galegos como o viño. Tamén fixo referencia a aposta do Goberno galego por impulsar o sector a través da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia co obxectivo de mellorar os posicionamento dos viños galegos e das comarcas que representan.

Ademais, Alfonso Rueda sinalou a contribución deste sector para proxectar a mellor imaxe de Galicia no exterior e a importancia do enoturismo e o turismo gastronómico como elementos que contribúen a diferenciar a oferta turística de Galicia e á súa desestacionalización. Por iso, apelou a continuar apostando pola súa internacionalización e pola combinación co turismo.

Pola súa parte, o conselleiro José González destacou a potencialidade desta zona vinícola, capaz de producir viños dunha calidade excepcional equiparable á de calquera das zonas de produción de calidade do mundo. Así, o titular de Medio Rural puxo en valor a aposta da denominación polas variedades autóctonas galegas para elaborar caldos de gran valor como unha forma de desenvolvemento sustentable e de recuperación do medio rural en xeral e da zona do Ribeiro en particular.

Ampliación do prazo para os préstamos vendima

Tamén en relación co sector vitivinícola, precisamente hoxe o Diario Oficial de Galicia publica unha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se amplía o prazo para solicitar os chamados préstamos vendima ata o vindeiro 30 de decembro. Mediante esta ferramenta financeira, coa que a Consellería do Medio Rural cumpre outra medida do seu Plan de reactivación e dinamización para o agro galego, garántese que as adegas galegas poidan mercar toda a uva desta campaña a prezos de mercado.

Por medio deste instrumento, pódense mobilizar ata 37,5 millóns de euros ao abeiro destes empréstitos na presente convocatoria. A eles, habería que sumar outros 37,5 millóns mobilizados o ano vindeiro, de convocarse unha nova orde de axudas doutros seis millóns de euros, no caso de que fose preciso pola evolución do coronavirus. Neste caso, a Xunta financia a garantía co fin de cubrir posibles impagos.
 

Imaxes relacionadas