Medio Ambiente remite para audiencia o proxecto de urbanización do PS-6, área de usos complementarios da ETEA, ao concello de Vigo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda envía o documento no que se detallan as obras de construción que se levarán a cabo neste ámbito de máis de 20.000 m2

Coa revitalización deste ámbito aumentase o atractivo público do espazo como elemento dinamizador do barrio de Teis-A Guía e garántese a integración do conxunto nos valores da contorna
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remite hoxe o proxecto de urbanización do Plan Sectorial (PS-6), área de usos complementarios, da Etea de Vigo ao Concello para sometelo a trámite de audiencia, por un período de 15 días, por parte da administración local. Unha vez pasado este prazo, a Consellería procederá a aprobación do proxecto de urbanización, o que permite a tramitación e inicio das obras.

Tal e como se recolle no proxecto de urbanización enviado para audiencia do Concello de Vigo, as obras neste ámbito de máis de 20.000 m2 prevén a execución de demolicións e movemento de terras, a construción de varios muros para conter as terras acordes coas novas plataformas aterrazadas e a comunicación, a definición de redes de servizos de abastecemento e rego, saneamento, electricidade e alumeado, telecomunicacións e gas, así como de saneamento de augas pluviais e residuais, pavimentación, instalación de cartelería e sinalización e, por último, traballos de xardinería e equipamento urbano. O orzamento necesario para o desenvolvemento da totalidade das actuacións previstas ascende a máis de tres millóns de euros.

O ámbito do PS-6 abrangue a superficie comprendida entre a avenida principal cara o leste, o muro que circunda as edificacións da Enfermería, o edificio de aulas e o cuartel José Luís Díez cara o oeste, o edificio Morse cara o norte e o muro que circunda o cuartel Méndez Núñez cara o sur.

A ordenación proposta parte do principio básico do mantemento da estrutura urbanística das instalacións da que foi, no seu tempo, a Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), recuperando aquelas solucións de continuidade ao longo do bordo litoral, ao tempo que reflicta o carácter militar que asumiu durante preto de setenta anos e que xerou a estrutura territorial valorizada a manter.

O PS-6 ordena e detalla pormenorizadamente o ámbito, para a localización de usos complementarios dos científico-tecnolóxicos, tales como os socioculturais, dotacionais, deportivos, servizos de xestión e innovación empresarial e terciarios complementarios, prevéndose a construción dunha nova residencia para maiores promovida polo Goberno galego.

Concretamente, no espazo que ocupa o Cuartel Méndez Núñez asentarase a residencia de maiores, grazas á colaboración entre a Xunta e a Fundación Amancio Ortega, que -tras un investimento de 15 millóns de euros- contará con 150 prazas públicas e máis de 140 postos de traballo.

Así, a Xunta dá un paso máis na dinamización e recuperación deste espazo da Cidade de Vigo, despois de que en novembro se aprobada definitivamente o Proxecto Sectorial PS-6, área de usos complementarios.