A Xunta renova a integración dos servizos marítimos na ría de Vigo no Plan de transporte metropolitano para o ano 2021

O Goberno galego inviste case 582.000 euros para darlle continuidade ao transporte de ría e ás bonificacións nas tarifas co uso da tarxeta TMG

Estes acordos tamén garanten a gratuidade das viaxes para os menores de 21 anos, co emprego da tarxeta Xente Nova que financia a Xunta

No ano 2020, o traxecto entre Cangas e Vigo rexistrou case 494.000 billetes expedidos e o itinerario entre Moaña e Vigo sumou case 145.000

Estes servizos enmárcanse no Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo, que se prorrogou para 2021, cun investimento de preto de 1,5 M€
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

A Xunta renova a integración dos servizos marítimos na ría de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano para o vindeiro ano.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, asinou hoxe as prórrogas dos convenios de colaboración coas navieiras Mar de Ons, Illa de Ons e Rías Gallegas, que operan entre Vigo, Cangas e Moaña.

Os convenios hoxe asinados supoñen un investimento de preto de 582.000 euros para garantir a continuación destes servizos en 2021.

Trátase de darlle continuidade á prestación dos servizos de transporte de ría e ao acceso dos viaxeiros ás vantaxes económicas e sociais vinculadas ao Plan de Transporte Metropolitano.

Os usuarios destes servizos poden acollerse ás bonificacións nas tarifas, co uso da tarxeta TMG, e tamén á gratuidade dos desprazamentos para os menores de 21 anos, co emprego da tarxeta Xente Nova, que financia a Xunta.

No ano 2020, o traxecto entre Cangas e Vigo rexistrou case 494.000 billetes expedidos e o itinerario entre Moaña e Vigo sumou case 145.000. Cabe precisar que as restricións de mobilidade derivadas da pandemia da covid-19 provocaron unha caída nas viaxes.

Plan de transporte metropolitano

Estes servizos están enmarcados no Plan de Transporte Metropolitano, cuxo convenio de colaboración na área de Vigo foi prorrogado para o ano 2021, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

O Goberno galego achega máis de 1,2 millóns de euros que permitirán financiar o 80% dos descontos que se aplican nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos, que son gratuítos, e as bonificacións adicionais para usuarios recorrentes e membros de familias numerosas.

Os 12 concellos que integran a Área de transporte metropolitano de Vigo achegan no seu conxunto preto de 266.000 euros.

O Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo rexistrou o pasado ano máis de 3,25 millóns de viaxes na comarca. En canto á modalidade de transporte, cómpre destacar que o 32% dos desprazamentos seguen a corresponder coas navieiras e o 68% co autobús

Ademais na área de transporte metropolitano de Vigo máis de 16.200 menores de 21 anos viaxan gratis no transporte interurbano coa tarxeta Xente Nova da Xunta.