A montaxe Agresión off: Eu digo non á violencia sexual da Xunta chega a Carballo para sensibilizar en materia de igualdade

A iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade está a percorrer Galicia e inclúe diferentes talleres e actividades lúdicas dirixidas a todas as idades

Os carballeses poderán visitar o stand na Rúa Coruña de 16,00 a 20,00 horas

Carballo (A Coruña), 18 de decembro de 2020

Carballo acolle hoxe a exposición ambulante da Xunta Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual, que está a percorrer os concellos galegos que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero e que solicitaron a súa participación á Consellería de Emprego e Igualdade.

A montaxe ofrece aos carballeses a posibilidade de participar en obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas, sempre cumprindo con toda a normativa de prevención contra a covid-19. Todos os talleres son inclusivos e están dirixidos a todas as idades. No caso do público infantil, hai un espazo especial destinado a dinámicas adaptadas á súa linguaxe e idade.

Os obradoiros están divididos en áreas de traballo con contidos concretos co obxectivo de sensibilizar á poboación contra a violencia sexual. Entre as temáticas que se abordan destacan o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo desde a infancia; mitos sobre o amor; alerta de micromachismos; a parella e a igualdade; autoestima e valoración persoal; violencia e novas tecnoloxías; educación en igualdade; e a importancia de estar informados.

A Rede de entidades locais contra a violencia de xénero creouse en 2012 a través dun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Na actualidade hai 211 municipios adheridos, entre os que se atopa Carballo, que impulsan, en coordinación coa Administración autonómica, accións de sensibilización e concienciación contra a violencia de xénero, como o stand que se pode visitar hoxe na Rúa Coruña en horario de 16,00 a 20,00 horas.