A Xunta investirá 83 millóns de euros no Plan de saúde mental poscovid-19

Este orzamento permitirá a incorporación de 241 novos profesionais e o incremento do número de unidades e programas para a atención sanitaria aos trastornos mentais

Porase especial énfase na atención á infancia e aos maiores, no incremento dos programas de intervención comunitaria e no número de prazas en recursos específicos dirixidos as persoas con trastorno mental

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia vai investir 83 millóns de euros no Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 para o período 2020-2024. Así o anunciou no Parlamento o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, que compareceu esta mañá en Comisión 5ª a petición propia.

Para o desenvolvemento deste Plan, vanse incorporar 241 novos traballadores. Deles 45 serán profesionais de psicoloxía clínica que contribuirá á atención a patoloxía depresiva no ámbito da atención primaria, á prevención do suicidio, á atención dos profesionais sanitarios e ao desenvolvemento de programas de enlace dirixidos a paciente con enfermidades médicas. Cómpre destacar que todo o presuposto do Plan para 2021, xa está incluído no Proxecto de orzamentos de Galicia incluídas as novas prazas correspondentes a este período.

Este Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid 19 busca a promoción da saúde mental, a prevención dos trastornos mentais e a diminución do impacto que o padecemento dun trastorno mental ten nas persoas e nas súas familias e achegados. O Plan pon especial énfase na atención á infancia e aos nosos maiores, no incremento dos programas de intervención comunitaria e no número de prazas en recursos específicos dirixidos as persoas con trastorno Mental.

No transcurso da súa intervención, o director xeral de Asistencia Sanitaria quixo destacar os proxectos destinados a ampliar os programas asistenciais e preventivos dirixidos a infancia, coa creación de dúas novas unidades de saúde mental infanto xuvenil nas áreas sanitarias da Coruña e Cee e na de Vigo, así como cun novo hospital de día infanto xuvenil en cada unha das sete áreas sanitarias Tamén anunciou a creación dunha segunda unidade de hospitalizacion infanto xuvenil de referencia para menores con trastorno mental severo en Vigo ( a outra está en Santiago) e a posta en marcha no ámbito de pediatría de atención primaria de un programa de detección e intervención breve en adiccións con substancia e sen substancia.

No ámbito das persoas con trastorno mental severo, vanse crear cinco novas unidades de saúde mental máis nas áreas da Coruña, Vigo e Santiago, incrementando 22 camas de hospitalización máis na área sanitaria da Coruña, onde se crearían 15, e na de Pontevedra, onde estarán as 7 restantes. Con respecto das unidades de rehabilitación, ampliaranse un 20% máis as prazas. Ademais, destacou Aboal, vanse actualizar os procesos asistenciais, auditando os centros de acordo aos instrumentos da Organización Mundial da Saúde.

Do mesmo xeito, o director xeral de Asistencia Sanitaria incidiu na intención do Sergas de mellorar a calidade de vida das persoas con trastorno mental, fomentando o uso de recursos comunitarios, coa concertación de 100 prazas de residencias socio-sanitarias e a creación de 100 prazas de vivendas comunitarias de transición como novo recurso. A isto hai que engadir o incremento de servizos sociosanitarios en centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos e unidades residenciais, que representan un aumento orzamentario con respecto a 2019 dun 17%, ascendendo a anualidade presupostada no 2021 a máis de 6 millones de euros.

Aboal lembrou que se continua a traballar en avanzar na medicina personalizada, que mellore a eficacia e minimice os efectos adversos dos psicofármacos, poñendo en marcha proxectos de traslación da farmacoxenómica á práctica clínica coa colaboración da Fundación galega de medicina xenómica.

O Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 para o período 2020-2024 foi aprobado polo Goberno Galego no Consello da Xunta do pasado 25 de xuño, tras acadar o apoio formal de asociacións e colexios profesionais do ámbito da saúde mental.

Imaxes relacionadas