A Xunta aposta pola tecnoloxía de vangarda para avanzar na integración dos vehículos aéreos non tripulados no futuro da mobilidade sostible

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) Patricia Argerey, participou nunha mesa de debate organizado polo colectivo Ellas Vuelan Alto

Sinala que no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, trabállase nos grandes retos da seguridade no uso de drons, a través do proxecto Galician Skyway ou a próxima licitación dun entorno de simulación U-Space en Rozas

Lugo, 17 de decembro de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, participou esta tarde nunha mesa redonda sobre o futuro da mobilidade urbana sostible organizada polo colectivo “Ellas vuelan alto” que integra a mulleres expertas e de referencia no sector aeroespacial.

Na súa intervención, Argerey apuntou que o uso extenso dos drons para o transporte de mercadorías ou de persoas nas cidades precisa dun avance moi relevante, tanto a nivel de tecnoloxía como de regulación que afecta ao uso do espazo aéreo. No entanto, a directora de Gain informou de que desde a Xunta se está a traballar para dotar a Galicia dunha infraestrutura única para facilitar un entorno seguro de probas que permita avanzar de xeito paralelo tanto a nivel de tecnoloxía como de regulación.

En concreto, a directora da Axencia Galega de Innovación destacou o proxecto Galician Skyway, que acaba de rematar, e no que a Xunta e Boeing traballaron conxuntamente no marco do Polo Aeroespacial de Galicia no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para avanzar na xestión e seguridade do tráfico de drons en espazos aéreos compartidos. Este proxecto achega solucións a situacións clave identificadas neste ámbito que son fundamentais para o despegue definitivo do segmento dos UAV. Entre os fitos acadados neste proxecto destaca a instalación en Rozas dun laboratorio de simulación de continxencias en voo para UAV, que sitúa ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) como unha infraestrutura científico-tecnolóxica de referencia no ámbito da I+D+i en vehículos non tripulados.

Para complementar esta infraestrutura, o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) lanzará proximamente unha licitación para dotar a Rozas dun simulador de xestión de tráfico aéreo U-Space. O concepto U-Space refírese ao sistema de xestión de tráfico aéreo non tripulado deseñado pola Unión Europea para dar resposta aos novos paradigmas do transporte urbano. O conxunto de infraestruturas de simulación das que se dotará o CIAR permitirán operar ao centro como unha infraestrutura de referencia de soporte ao desenvolvemento en paralelo da tecnoloxía e da regulación co obxectivo de ampliar o mercado de usos civís dos drons e acelerar a xeración de actividade económica e industrial arredor deste sector.

Argerey anunciou que estes proxectos terán continuidade no próximos cinco anos a través dun novo período de programación do Polo Aeroespacial de Galicia que, cunha previsión de investimento público-privado de máis de 160 millóns de euros, tratará de transformar os resultados tecnolóxicos acadados en desenvolvemento industrial e crecemento económico a longo prazo.

A directora de Gain tamén puntualizou que os retos da mobilidade non se circunscriben exclusivamente á contorna urbana, senón que no ámbito rural tamén atopamos desafíos importantes como o transporte de paquetería ou a asistencia médica. Por último, apuntou que Galicia está a traballar xa nos proxectos para captar fondos europeos Next Generation, entre os que teñen un papel protagonista o sector aeroespacial e a mobilidade sustentable.

Imaxes relacionadas