Os Bolechas volven á Rede de Dinamización Lingüística polo Nadal

A Xunta, Bolanda, Gadis e a TVG presentan a xa tradicional xira que nesta ocasión os levará aos concellos de Guntín, Abadín, Trazo, Redondela, Bergondo, Salceda de Caselas, Padrón e Viana do Bolo co apoio da Consellería de Cultura

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

Os monecos animados máis famosos de Galicia volven aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) polo Nadal, da man da Xunta de Galicia, Bolanda Edicións, Gadis e a Televisión de Galicia (TVG). Os representantes institucionais destas entidades presentaron hoxe no Pazo de San Roque a xira da nova proposta, que chegará do 21 de decembro ao 7 de xaneiro aos concellos de Guntín, Abadín, Trazo, Redondela, Bergondo, Salceda de Caselas, Padrón e Viana do Bolo.

“Os Bolechas non podían faltar á cita na nosa RDL, que sempre os acolle nas súas programacións municipais de lecer para celebrar o nadal e ofrecer cultura segura cos mellores referentes galegofalantes da cativada”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, na súa intervención. “Con todas as precaucións e a través dun espectáculo adaptado ás estritas medidas que require a situación hixiénico-sanitaria, seguimos apostando polas actividades culturais e polos artistas que nos axudan na tarefa de dinamizar a lingua galega entre a cativada e promover a súa transmisión interxeracional”, destacou.

Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, participaron na presentación Antonio Couto, responsable de Bolanda; Rosa Vilas, directora de Xestión do Cambio da CRTVG, e Román Roo, delegado compostelán de Gadis.

A proposta teatral con monicreques manipulados arranca o luns 21 de decembro, en Guntín, coa única función escolar da xira (no CPI Tino Grandío, ás 11,30 horas) e prosegue en Abadín, o sábado 26 (no salón de actos municipal, ás 18,00 horas); o domingo 27 en Trazo (espazo e hora por concretar); o martes 29 en Redondela (no Multiúsos da Xunqueira, ás 18,00 horas); o sábado 2 en Bergondo (no Auditorio da Senra, ás 18,00 horas); o domingo 3 en Salceda de Caselas (no Auditorio Municipal, ás 18,00 horas); o luns 4 en Padrón (no Auditorio Municipal, ás 18,00 horas) e o xoves 7 en Viana do Bolo (na Casa da Cultura, ás 18,00 horas).

Coma sempre, a asistencia a todas as funcións é de balde, aínda que, debido á situación, os oito concellos xestionan cadanseu sistema de reserva previo de entrada. Toda a información e calendario pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Imaxes relacionadas