O Concello da Rúa recibirá preto de 170.000 euros en axudas da Xunta para mellorar a recollida selectiva dos seus residuos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe co rexedor Álvaro Fernández López para abordar asuntos de interese local

 

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

O Concello da Rúa beneficiarase de dúas axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por un importe global de case 170.000 euros co obxecto de mellorar e avanzar na recollida selectiva dos residuos sólidos urbanos do municipio. Concretamente, trátase dunha subvención para a adquisición dun punto limpo móbil, por un importe de 69.500 euros, e doutra destinada a financiar un proxecto de fomento da compostaxe in situ, dotada con 100.000 euros.

Este foi un dos asuntos que abordaron esta tarde durante unha xuntanza por videoconferencia a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández López. Neste sentido, a responsable autonómica salientou a importancia deste tipo de proxectos, que contribúen de forma directa e efectiva a fomentar a separación en orixe dos residuos sólidos urbanos dos concellos.

De feito, ambas axudas foron concedidas ao abeiro da orde de 2020 dirixida a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, que se resolveu este mesmo outono. O Concello da Rúa ten cedidas as súas competencias nesta materia á Deputación de Ourense, que presentou os dous proxectos á convocatoria publicada o pasado mes de maio e resultou beneficiaria en ambos casos.

Así mesmo, conselleira e rexedor tamén estudarán a posibilidade de colaborar economicamente nun proxecto de humanización de rúas e espazos públicos na Rúa a través dalgún dos programas e liñas de axudas dos que dispón a Consellería. Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta leva 10 anos colaborando coas entidades locais a través do chamado Plan Hurbe na execución de intervencións e proxectos urbanísticos que contribúan a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso común e colectivo.

En concreto, Ángeles Vázquez lembrou que nos orzamentos de 2021 o seu departamento ten reservados case 7,5 millóns de euros para levar adiante actuacións en concellos destinadas tanto a mellorar os equipamentos municipais como a acadar a humanización das contornas urbanas.

Imaxes relacionadas