Resoltas as axudas a deportistas galegos de alto nivel 2020 que alcanzan os 348.590 euros con récord de solicitudes presentadas

A resolución conta con seis tipos de axudas -Axuda DGAN 1 (8.000 euros), Axuda DGAN 2 (6.000 euros), Axuda DGAN 3 (4.000 euros), Axuda DGAN 4 (1.500 euros), Axuda DGAN 5 (800 euros) e Axuda DGAN 6 (350-1.000 euros)- máis as recentemente creadas Axudas DGAN D.A. sendo a primeira vez que se outorga este tipo de axudas a deportistas de apoio ou guía

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, vén de facer pública a resolución das axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel 2020, baixo a denominación ‘AXUDAS DGAN 2020’ e que se enmarca no plan de axudas á preparación dos deportistas galegos e galegas de alto nivel. A resolución está publicada na páxina web do deporte galego.

Nesta nova convocatoria acadouse un importe final das axudas resoltas DGAN de 348.590 euros, a pesar de que o crédito inicial era de 300.000 euros. Cómpre salientar que, neste exercicio, acadouse o récord histórico de solicitudes presentadas, ata un total de 374 de 41 federacións deportivas diferentes. O número de axudas resoltas chegou ata as 228 de 36 federacións diferentes.

A resolución de 2020 conta con seis tipos de axudas -Axuda DGAN 1 (8.000 euros), Axuda DGAN 2 (6.000 euros), Axuda DGAN 3 (4.000 euros), Axuda DGAN 4 (1.500 euros), Axuda DGAN 5 (800 euros) e Axuda DGAN 6 (350-1.000 euros)- máis as recentemente creadas Axudas DGAN D.A. sendo a primeira vez que se outorga este tipo de axudas a deportistas de apoio ou guía que reciben o 50% do importe da axuda do deportista con discapacidade.

Estas axudas foron asignadas segundo os resultados deportivos acadados durante o ano 2019. Tres deportistas -Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon), Jacobo Garrido Brun (natación adaptada) e Nikoloz Sherazadishvili (judo)- acadaron a Axuda DGAN 1. Oito deportistas -Tamara Abalde (baloncesto); Carlos Arévalo, Rodrigo Germade e Teresa Portela (piragüismo); Alejandro Vidal (parataekwondo); Nicolás Rodríguez (vela); Adiaratou Iglesias (atletismo adaptado) e Irene Blanco (halterofilia)- acadaron a Axuda DGAN 2. 17 deportistas conseguiron a Axuda DGAN 3, 87 a 4, 55 a 5, 57 a 6 e un deportista fíxose coa Axuda DGAN para deportistas de apoio ou guía.

A comunidade galega conta a día de hoxe con 503 persoas deportistas recoñecidas como de alto nivel (197 mulleres e 306 homes), dos cales 17 (5 mulleres e 12 homes) son deportistas con discapacidade.

Co obxecto de mellorar a axilidade do procedemento e simplificar os trámites, ao igual que na pasada convocatoria, a persoa solicitante poderá presentar a súa solicitude telematicamente e non será necesario que presente o Anexo 2-Certificado da Federación.

Novo decreto DGAN

Cómpre lembrar que o pasado 29 de setembro, o Diario Oficial de Galicia publicaba o decreto do deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo base de Galicia, substituíndo o anterior decreto que databa de 2004. Con este decreto, Galicia dá un importante impulso á protección do sistema deportivo do país, convertendo a súa nova norma nunha das mais actuais e completas do Estado. O apoio e á atención integral aos axentes deportivos –coa figura central do deportista- refórzase así neste novo sistema que avanza en recursos, en medidas e en destinatarios. A nova regulamentación abarca un marco máis garantista e completo, aberto ao conxunto dos axentes deportivos -ademais dos propios deportistas- e atento ás distintas demandas do sector, como é, por exemplo, a fase da retirada competitiva.

Imaxes relacionadas