Medio Ambiente avanza na tramitación do PXOM de Gondomar ao emitir o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico

O pasado mes de agosto, o Concello pontevedrés solicitou á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático que iniciara o procedemento de avaliación ambiental estratéxica do futuro plan xeral de ordenación municipal

No documento de alcance recóllense distintas observacións para mellorar a sostibilidade da proposta presentada, así como as reflexións e suxestións recibidas de diferentes organismos durante a fase de consultas previas

Tras someter a información pública o PXOM aprobado inicialmente, o Concello remitirá ao órgano ambiental para que formule a declaración ambiental estratéxica do plan un expediente completo que conteña a proposta final de PXOM, o estudo ambiental, un informe sobre a participación pública e un documento resumo

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de formular o documento de alcance correspondente ao estudo ambiental estratéxico do futuro PXOM de Gondomar. Trátase dun paso importante e que permite avanzar na tramitación ambiental do plan xeral deste concello, que desde o ano 2008 carece dun instrumento de planeamento urbanístico en vigor.

O pasado mes de agosto, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCASCC) recibiu un escrito do Concello de Gondomar no que solicitaba iniciar o procedemento de avaliación ambiental estratéxica do documento. Como primeiro paso, o órgano ambiental iniciou un período de consultas ás administracións públicas afectadas e publicou no portal web da Consellería a documentación recibida xunto coa solicitude municipal: o documento inicial estratéxico e mais o borrador do PXOM.

Analizados os documentos que remitiu o promotor e tendo en conta as suxestións recibidas na fase de consultas -no que se achegaron informes de organismos autonómicos así como estatais-, a DXCASCC recolle no seu documento de alcance unha serie de consideracións relativas a diferentes variables como a ocupación do territorio, a paisaxe ou o patrimonio natural e cultural co obxectivo de procurar a mellor integración ambiental do PXOM.

Esta resolución poñerase agora a disposición do público en xeral na páxina web da Consellería e remitirase ao Concello de Gondomar, como órgano promotor, para que a teña en consideración na elaboración do PXOM.

O seguinte paso será que o pleno municipal aprobe inicialmente o novo planeamento antes de sometelo durante dous meses ao trámite de información pública e abrir paralelamente un período de consultas ás administracións afectadas e ás persoas interesadas.

Finalmente, deberá remitir ao órgano ambiental o expediente de avaliación ambiental estratéxica completo en formato dixital aos efectos de que formule a declaración ambiental estratéxica, documento co que se porá fin ao trámite ambiental por parte da Xunta.

Nese expediente, o Concello de Gondomar deberá achegar a proposta final do PXOM e o estudo ambiental estratéxico, incluídos xa os cambios e modificacións necesarios; o informe de participación pública e consultas; e un documento resumo no que se describa a integración na proposta final dos aspectos ambientais, do estudo ambiental estratéxico e da súa adecuación ao documento de alcance, do resultado das consultas realizadas e da súa toma en consideración.