Luisa Piñeiro cifra en 695.000€ o investimento da Xunta na mellora de camiños municipais na bisbarra de Pontevedra na súa visita ás obras no Concello de Poio

A delegada territorial supervisa as actuacións realizadas na estrada do Covelo e no camiño do lugar de Publicada, ambas na parroquia de Samieira, nas que se investiron preto de 80.000€ do Plan Marco

A representante autonómica destaca o “esforzo constante” da Agader para manter as infraestruturas rurais en boas condicións con 15 proxectos para os oito concellos da comarca

Poio, 17 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, revelou que a Consellería do Medio Rural está a investir 695.000€ na mellora de camiños municipais na bisbarra de Pontevedra ao abeiro do Plan Marco correspondente co período 2019-2021 durante a súa visita de supervisión ás obras que se veñen acometer no Concello de Poio.

“A Xunta de Galicia está a facer un esforzo constante, continuo e periódico para manter as infraestruturas rurais da comarca de Pontevedra en boas condicións, xa que nun prazo de apenas dous anos vén de executar ou deseñar para a súa realización a comezos de 2021 un total de 15 proxectos para os oito concellos, o que demostra a nosa implicación co estado destas vías e con todo este territorio”, explicou.

A representante autonómica, acompañada do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, e do alcalde, Luciano Sobral, desprazouse esta mañá ata o Concello de Poio para supervisar as dúas actuacións realizadas nos últimos meses ao abeiro deste Plan Marco de mellora de camiños municipais.

Así, neste municipio realizouse unha completa mellora do firme nun camiño do lugar de Publicada, na parroquia de Samieira, cun orzamento de máis de 43.000€ e hai unhas semanas rematouse outra obra de similares características na estrada do Covelo, pertencente á mesma parroquia, cunha contía de preto de 35.000€.

Deste xeito, segundo detallou a delegada territorial, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) inviste preto de 80.000€ nestas actuacións en Poio, que tamén contan cun pequeno cofinanciamento do IVE correspondente por parte do Concello, e salientou que a súa execución “confirma a aposta do Goberno galego por este municipio e tamén a necesaria colaboración entre administracións para sacar adiante os proxectos de interese xeral e mellora da calidade de vida da veciñanza”.

Imaxes relacionadas