A Xunta colabora co IDAE no fomento de enerxías renovables térmicas e eléctricas ao que se destinan 20,4M€

A directora de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá nun webinario no que se presentaron estas medidas que prestarán especial atención a sectores como a automoción, o forestal ou o turístico

O Goberno galego participou na definición das tipoloxías e tecnoloxías adaptadas ás características da Comunidade e no establecemento de criterios

Destaca o compromiso da Xunta co impulso dunha economía verde

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá nun webinario organizado polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) para presentar as novas convocatorias de axudas para enerxías renovables –que contan cun orzamento total de 20,4M€– nas que a Xunta colabora co Goberno.

En concreto, trátase de 8,4M€ para apoiar proxectos térmicos de biomasa, biogás, xeotermia e hidrotermia, aerotermia e solar térmica en aplicacións residenciais, na industria e no sector servizos e 12M€ para impulsar iniciativas de enerxías renovables eléctricas a partir de biogás agroindustrial ou industrial ou instalacións fotovoltaicas.

A vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación colaborou co Goberno central, a través do Inega, na definición de tecnoloxías específicas elixibles, adaptadas ás características diferenciais de Galicia, así como no establecemento dos criterios vinculados á transición xusta, o reto demográfico, a xeración de emprego, a innovación, a loita contra a pobreza enerxética, os sectores estratéxicos locais e o impulso ás comunidades enerxéticas. De feito, a automoción, o forestal e o turismo terán unha especial dedicación nesta convocatoria que se pecha o 11 de xaneiro no caso das enerxías térmicas e o 1 de febreiro para as eléctricas.

Na súa intervención, Paula Uría puxo en valor o compromiso da Xunta co fomento dunha economía verde e lembrou que as enerxías renovables achegan na actualidade o 75% da electricidade consumida en Galicia, coa previsión de que ao finalizar o ano supoñan o 37% do consumo de enerxía final, superando o obxectivo marcado pola Unión Europea tanto para 2020 como para 2030.