A sexta edición da campaña Días azuis do comercio galego dinamiza as vendas do sector con máis de 100.000 participacións

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou en Lugo na entrega simbólica dos 80 premios desta iniciativa, na que a Xunta colabora coa Federación Galega de Comercio

Lugo, 17 de decembro de 2020

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe en Lugo na entrega simbólica dos 80 premios da sexta edición da campaña de dinamización comercial Días azuis do comercio galego, na que a Xunta colabora coa Federación Galega de Comercio.

A iniciativa, que conta tamén coa participación de Abanca, desenvolveuse entre o 9 e o 30 de novembro, co obxectivo de dinamizar as vendas no comercio de proximidade e premiar a fidelidade dos clientes, e logrou máis de 100.000 participacións.

Entre todos os consumidores que rexistraron os seus tíckets de compra na web da campaña sorteáronse 16.200 euros en premios, repartidos en tarxetas prepago de 300 e de 150 euros para volver mercar no comercio de proximidade galego. A listaxe completa dos 80 premiados pode consultarse no seguinte enderezo web: https://www.diasazuis.com/ganadores.