A Xunta destina máis de 94.000€ á renovación de beirarrúas interiores no polígono de Sergude en Boqueixón

Esta axuda inclúese dentro da orde destinada á mellora das infraestruturas nos parques empresariais da provincia da Coruña

Boqueixón (A Coruña), 17 de decembro de 2020

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, visitaron o polígono empresarial de Sergude en Boqueixón no que a Xunta investiu máis de 94.000 euros para levar a cabo a mellora das beirarrúas interiores do parque empresarial, aportando a Xunta case o 80% do orzamento e o resto, ata os 117.0000 euros, correu a cargo do Concello que foi o encargado de contratar e de executar a actuación. En concreto, levouse a cabo a construción de novas beirarrúas nunha superficie de 3.105 metros cadrados en pavimento de formigón con mallazo sobre unha capa de 5 cm de zahorra para a súa regularización, xunto cos correspondentes vados peonís. Incluíuse tamén a instalación de 3 illas para a recollida selectiva, formadas por 4 contedores coas súas correspondentes estruturas de peche.

A orde de axudas do 2020 permitiu financiar 9 proxectos nos parques empresariais de Coirós, Oroso, Boqueixón, Cambre, Carballo, Ordes, Ribeira, Santa Comba e Fene na provincia da Coruña, con achegas da Xunta que ascenden a máis de 852.000 euros que mobilizarán investimentos por 1,1 millón de euros.

Estas actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e complementa outras axudas postas en marcha para apoiar os parques empresariais galegos. En concreto, este ano tamén se destinan outros 1,8 millóns de euros para a mellora das redes de distribución eléctrica nos polígonos de Vedra, Coirós e Aranga, actuacións que mobilizarán 2,3 millóns de euros e 238.000 para a construción dun viveiro industrial en As Somozas que mobilizará 297.000 euros de investimento.

Polo tanto, a través das tres ordes de axudas, o Goberno galego apoia con 2,8 millóns de euros os parques industriais coruñeses co obxectivo de mellorar a oferta de solo e a competitividade empresarial. Os 13 proxectos apoiados suporán a mobilización de máis de 3,6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas