O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, compareceu esta mañá na Comisión 5ª do Parlamento galego

Política Social destinará para o próximo ano 400 M€ a atención ás persoas dependentes

Galicia, cun 92,17%, é unha das catro comunidades con mellor ratio de atención, e atende na actualidade a máis de 62.000 persoas

A Xunta investirá en 2021 91,8 millóns de euros, 10 millóns máis que este ano, en axudas directas para coidados no fogar, a contratacións dun asistente persoal ou bonos de residencia

O Goberno galego está a traballar na posta en marcha dun protocolo para a prescrición de lectores oculares para pacientes con trastornos neuromotores graves

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

O director xeral de Atención Integral Sociosanitatria, Antón Acevedo, informou esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego que Galicia destinará para o próximo ano 400 millóns de euros para a atención á dependencia, dos que o 75% dos fondos os achega a Xunta de Galicia, e o 25% restante, o Estado.

Antón Acevedo salientou que o Goberno galego ten entre as súas prioridades o benestar das persoas en situación de dependencia, polo que puxo en valor o importante esforzo que se está a facer para incrementar o número de persoas atendidas. Grazas a isto, Galicia, cun 92,17%, é unha das catro comunidades de España con mellor ratio de atención e, na actualidade, máis de 62.000 persoas teñen un servizo de atención á dependencia.

Así mesmo, o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria recordou que o pasado ano aumentaron entre un 10% e un 75% as axudas directas que reciben as persoas con dependencia para coidados na contorna familiar, asistente persoal ou bonos de residencia. A Xunta de Galicia destinará, ademais, para o vindeiro ano 91,8 millóns de euros para estas axudas, 10 millóns máis que este mesmo ano; e 83,6 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un 10% máis que neste 2020.

Lectores oculares

Ademais, explicou que o Goberno galego está a traballar na elaboración dun protocolo para a prescrición de lectores oculares que permitan que os pacientes con trastornos neuromotores graves —aqueles que teñan unha afectación severa en ambos membros superiores e imposibilidade de comunicación oral ou escrita, como as persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) ou parálise cerebral— poidan dispoñer dun equipo destas características para comunicarse.

Neste senso, sinalou Antón Acevedo, Galicia é “unha das comunidades pioneiras en afrontar esta patoloxía” grazas, entre outras medidas, á implantación dun proceso asistencial integrado (PAI) nesta patoloxía —foi a primeira autonomía en aplicala— e á sinatura dun convenio entre a Xunta e a Fundación Francisco Luzón para apoiar a mellora da calidade de vida dos pacientes diagnosticados con esta enfermidade.

Nesta liña, o director xeral indicou que a partir do vindeiro ano as persoas que cumpran cos criterios establecidos poderán dispoñer dun lector ocular que lles facilite a súa comunicación e lles mellore a calidade de vida.

Imaxes relacionadas