A Xunta colabora co Concello de Caldas de Reis no acondicionamento dun camiño en Arcos da Condesa

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou xunto coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, as melloras levadas a cabo para a renovación do pavimento e a mellora da rede de evacuación de augas pluviais no camiño San Martiño

O Goberno galego financia esta actuación a través da Orde de Infraestruturas de uso público, á que este ano destinou 4M€ para crear ou levar a cabo melloras nas instalacións vinculadas á prestación de servizos municipais

Caldas de Reis (Pontevedra), 17 de decembro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, as melloras levadas a cabo na entidade local menor de Arcos da Condesa, pertencente ao concello de Caldas de Reis.

A Xunta colabora co municipio na renovación do pavimento e na mellora da rede de evacuación de augas pluviais no camiño de San Martiño co obxectivo de mellorar a accesibilidade á zona e evitar riscos para vehículos e peóns.

O Goberno galego financia esta actuación a través da Orde de infraestruturas de uso público, dotada este ano cun orzamento de catro millóns de euros, un millón máis que o exercicio anterior, e coa que a Xunta apoia aos concellos na creación, mellora ou reforma das infraestruturas básicas dos servizos municipais.

Durante a súa visita, Natalia Prieto, destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e os concellos, porque son os mellores coñecedores das necesidades dos veciños. Así, mediante estas axudas, os municipios galegos contan con apoio para poder executar actuacións que repercuten en melloras na calidade de vida dos cidadáns.

A Xunta destinou ao concello de Caldas de Reis nos últimos anos máis de 155.500 euros para melloras de eficiencia enerxética, así como á adquisición de equipamento para a protección do medio ambiente no marco do Fondo de Compensación Ambiental, que este ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas