Os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e de Defensa do Monte participaron na comisión 7ª do Parlamento

A Xunta agarda que a marca que amparará o leite de pastoreo de Galicia estea operativa no segundo trimestre de 2021

O titular de Gandaría, José Balseiros, sinalou tamén que Medio Rural estuda axudas para a adquisición de sistemas GPS que permitan comprobar e verificar o pastoreo dos animais das explotacións que se sumen a esta iniciativa

Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, destacou que a partida orzamentaria para apoiar os concellos na loita contra os incendios forestais medrará por riba do 3% nas contas de 2021

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

A marca Leite de Pastoreo de Galicia podería estar operativa no segundo trimestre de 2021, unha vez que se complete a tramitación do seu rexistro por parte da Oficina Española de Patentes y Marcas. Así o anunciou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta sobre o contido da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego.

Balseiros engadiu que, ademais, ao abeiro da estratexia, a Consellería do Medio Rural está a avaliar a posibilidade de implementar, como medida de acompañamento, unha liña de axudas para a adquisición de sistemas GPS que permitan comprobar e verificar o pastoreo dos animais das explotacións que se sumen a esta iniciativa.

O director xeral explicou que estas medidas forman parte do traballo que xa está a realizar a Xunta para impulsar diferentes eixos da devandita estratexia, que recolle un completo paquete de medidas deica o ano 2025, consensuadas co sector leiteiro en distintas mesas de traballo baixo a coordinación da Fundación Juana de Vega.

Outra iniciativa que forma parte desta estratexia, segundo trasladou Balseiros, é a aplicación web de custos das explotacións, que permitirá que os gandeiros coñezan a súa situación de custos en comparación co resto de produtores e así poder orientar o seu negocio cara a unha maior rendibilidade económica.

Cinco eixos

Nesta liña, o director xeral lembrou que a estratexia do lácteo persegue consolidar a Galicia como unha das principais rexións lácteas de Europa, cun alto nivel de competitividade, sostibilidade e capacidade de resiliencia. Para iso, indicou, actuarase en cinco eixes estratéxicos: a produción, a industria, os mercados, a cadea de valor e a formación e innovación.

No ámbito da cadea de valor -ademais de crear a devandita aplicación web- contémplase tamén a realización de estudos comparativos con respecto ao sector. A maiores, neste campo perseguirase reforzar a relación entre os distintos axentes implicados, impulsando o asociacionismo profesionalizado e fomentando a entrada das cooperativas no capital das novas industrias que se asenten en Galicia, como garantía da recollida do leite e para que poidan beneficiarse da transformación do seu produto.

No terreo da produción, José Balseiros puxo de relevo que a Xunta busca garantir a continuidade das granxas viables, creando un Banco de explotacións que acolla as que non teñan relevo e establecendo un programa de preparación que poña en contacto aos produtores que se retiran cos que teñen intención de incorporarse, algo que tamén se contempla na futura Lei de recuperación da terra agraria. Precisamente, o director xeral definiu esta norma, que entrará proximamente na Cámara autonómica, como unha ferramenta clave na posta en valor dos terreos e para dotar ás explotacións de maior base territorial. Nesta liña, sinalou que o futuro texto legal permitirá dun xeito máis operativo o acceso a terras sen uso na contorna de núcleos de poboación (aldeas modelo) ou noutros lugares (polígonos agrarios).

No relativo á industria, o director xeral recalcou que o obxectivo da Estratexia é aumentar a transformación do leite en Galicia apostando pola diversificación de produto, traballando por atraer novos operadores industriais e por que se fortalezan os xa asentados. No que atinxe aos mercados, cómpre incidir no posicionamento dos produtos lácteos galegos, da man do selo Galega 100% e das novas marcas para distinguir o leite de pastoreo e o de produción integrada. Sobre a formación e innovación, traballarase por responder ás necesidades dos gandeiros e industrias, fortalecendo as estruturas de formación, investigación e innovación da nosa comunidade, así como a tecnoloxía a disposición do sector.

Colaboración cos concellos fronte aos incendios

Por outra banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, explicou, en resposta a outra pregunta, que a Xunta está a intensificar progresivamente a colaboración cos concellos galegos en materia de loita contra os incendios forestais. Así, Rodríguez destacou que a partida orzamentaria correspondente medrará por riba do 3% nas contas de 2021, con respecto ao presente exercicio, ata achegarse aos 20 millóns de euros. O incremento en relación co 2019 mesmo supera o 16%, salientou o director.

Manuel Rodríguez lembrou que con cargo a estes fondos fináncianse tanto os convenios cos municipios para a súa participación na prevención e defensa contra incendios forestais como o acordo subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións provinciais, en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES).

Imaxes relacionadas