O xerente co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe o convenio

A Xunta de Galicia leva o programa Xantar na Casa ao Concello de Nigrán

O programa atende a máis de 1.600 persoas en toda Galicia, dos cales máis de 220 pertencen á área de Vigo e unha decena ao municipio nigranés

Os beneficiarios son maiores con limitacións de acceso a unha alimentación axeitada

Vigo, 17 de decembro de 2020

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o alcalde do concello de Nigrán, Juan Antonio González, asinaron hoxe o convenio que permite a adhesión do municipio ao programa Xantar na Casa.

O programa achega un menú saudable e equilibrado diariamente aos maiores usuarios dos concellos adheridos. O programa, ademais de posibilitar unha alimentación axeitada, permite a vixilancia por parte dos axentes de reparto para detectar situacións de risco que, de ser o caso, son trasladadas aos traballadores sociais municipais.

O xerente do Consorcio destacou a boa acollida deste programa en toda Galicia, ao que varios os municipios teñen solicitado a súa incorporación, xa que permite asegurar unha boa calidade de vida aos nosos maiores. Coa sinatura do convenio serán dez as persoas que se poderán incorporar, tras a valoración dos servizos sociais municipais, ao Xantar na Casa.

Máis de 180 concellos

Coa incorporación de Nigrán o programa chega actualmente a 183 concellos en toda Galicia, acadando un total de máis de 1.600 usuarios que reciben o seu menú diario. O obxectivo da Consellería de Política Social é acadar os 2.000 beneficiarios ao longo desta lexislatura. Os destinatarios do programa son fundamentalmente persoas maiores con limitacións para poder garantir unha axeitada alimentación.

Na área de Vigo aténdese actualmente a 226 usuarios, cifra que se viu incrementada notablemente durante o confinamento, durante o cal a Xunta de Galicia puxo en marcha o programa Xantar na Casa extraordinario ao abeiro do Plan social de contixencia. Esta iniciativa permitiu levar un menú diario a usuarios de concellos non adheridos e incrementar o número de usuarios naqueles nos que fose preciso, medida que nesta área beneficiou a máis de 100 persoas durante este período, que foron incorporadas ao Xantar na Casa ordinario unha vez rematado o programa de emerxencia.

Xantar na Casa finánciase a través de convenios formalizados cos concellos, nos que a Xunta asume o 50% do custe dos menús, e o 50% restante asúmeno a partes iguais o Concello e o beneficiario.

Imaxes relacionadas