A Xunta licita as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada AC-133 entre Franza e Rilo, en Mugardos, por preto de 470.000 euros

A Plataforma de Contratos de Galicia publica hoxe o inicio da contratación desta actuación, cuxo prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 21 de xaneiro

A senda comeza na glorieta de conexión entre a AC-113 e a vía de alta capacidade V.G.-1.2, no entorno do núcleo de Franza e finaliza no núcleo de Rilo

O proxecto incorpora suxestións como a prolongación das sendas ata entroncar co itinerario peonil actual, dispoñendo novos pasos de peóns

A intervención enmárcase no Plan de Sendas na comarca de Ferrol, que recolle 10,7 km de itinerarios para peóns e ciclistas cun investimento de case 3,5 M€

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada AC-133, entre Franza e Rilo, no Concello de Mugardos, por importe de 467.000 euros.

A Plataforma de Contratos de Galicia publica hoxe o inicio do proceso de contratación desta actuación, establecendo o prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 21 de xaneiro.

O orzamento estimado polo Goberno galego para esta intervención ascende aos 500.000 euros, incluíndo os máis de 33.000 euros do pagamento das expropiacións dos 33 predios necesarios para a actuación.

Este proxecto ten por obxectivo a creación dunha senda compartida, para uso de ciclistas non deportivos e peóns, paralela á estrada autonómica que comunica Fene e Mugardos.

O proxecto inclúe actuacións en dous treitos da vía autonómica: o primeiro executarase pola marxe dereita, comezando na glorieta de conexión entre a AC-113 e a vía de alta capacidade V.G.-1.2, no entorno do núcleo de Franza, finalizando no núcleo de Rilo.

No segundo treito, actuarase na marxe esquerda da estrada, do punto quilométrico 9+820 ao 9+910, para executar un itinerario polo trazado da cuneta transitable existente na actualidade, que dispón dun ancho insuficiente para a circulación peonil.

Esta actuación incorpora suxestións presentadas ao proxecto inicial, como a prolongación dos itinerarios peonís ata entroncar co itinerario de peóns actual, no entorno da glorieta do punto quilométrico 8+550, dispoñendo novos pasos de peóns con sinalización.

A intervención tamén inclúe a reforma da pendente lonxitudinal da senda á altura do punto quilométrico 7+760, coa fin de que teña unha pendente máxima do 6%. Tamén se prevé a reposición dun treito de colector de saneamento na zona de execución dun novo muro, entre os puntos quilométricos 9+820 e 9+910.

Este novo itinerario completa o Plan de Sendas de Galicia na comarca de Ferrol, co que a Xunta promove a construción de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe. A execución destas actuacións está cofinanciada con fondos FEDER 2014/2020.

En total, o Plan de Sendas na comarca de Ferrol permitirá habilitar 10,7 quilómetros de novos itinerarios seguros para peóns e ciclistas non deportivos en estradas de titularidade da Xunta de Galicia, cun investimento de case 3,5 M€.