Sarria acolle hoxe a campaña itinerante da Xunta Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual

A iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade está a percorrer Galicia con talleres e actividades lúdicas dirixidas a todas as idades

A montaxe pode visitarse no Paseo do Malecón entre as 13,00 e as 19,30 horas

Sarria (Lugo), 17 de decembro de 2020

O Concello de Sarria acolle hoxe a montaxe itinerante Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual, que está a percorrer os concellos galegos que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero e que solicitaron participar nesta iniciativa coa que a Xunta quere concienciar á sociedade para avanzar nunha sociedade máis igualitaria.

A montaxe ofrece á cidadanía a posibilidade de participar en obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas, sempre cumprindo con toda a normativa de prevención contra a covid-19. Todos os talleres son inclusivos e están adaptados a todas as idades. No caso do público infantil, hai un espazo especial destinado a dinámicas propias para cada idade.

Os obradoiros están divididos en áreas de traballo con contidos concretos cos que se pretende sensibilizar á poboación no rexeitamento da violencia sexual. Entre as temáticas que se abordan destacan o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo desde a infancia; mitos sobre o amor; alerta de micromachismos; a parella e a igualdade; autoestima e valoración persoal; violencia e novas tecnoloxías; educación en igualdade; e a importancia de estar informados.

A Rede de entidades locais contra a violencia de xénero creouse en 2012 a través dun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Na actualidade hai 211 municipios adheridos que impulsan, en coordinación coa Administración autonómica, accións de sensibilización e concienciación contra a violencia de xénero, como a exposición que se pode visitar hoxe no Paseo do Malecón en Sarria (ao carón do arco de luces de Nadal) en horario de 13,00 a 19,30.