A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro participou na presentación do acto de recoñecemento ás mulleres do mar da Mariña-Ortegal

A Xunta salienta a importancia de dar a coñecer a contribución das máis de 20.000 mulleres galegas da cadea mar-industria ao desenvolvemento do sector

A Consellería do Mar agradece o labor realizado por entidades como os grupos de acción local do sector pesqueiro para dar a coñecer os avances acadados en materia de igualdade e analizar e buscar solucións aos retos de futuro do sector

Viveiro (Lugo), 16 de decembro de 2020

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, salientou hoxe a contribución das mulleres do mar de Galicia ao crecemento do complexo mar-industria da comunidade e lembrou a importancia de recoñecer o seu labor con actos como o desenvolvido polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Mariña-Ortegal para enxalzar a aportación das mulleres da súa contorna ao mundo do mar.

A representante da Consellería do Mar, que participou na presentación deste evento, lembrou que en Galicia traballan no ámbito marítimo-pesqueiro máis de 20.000 mulleres e subliñou a relevancia de impulsar accións que axuden a dar visibilidade ao seu traballo e a mellorar a súa colaboración e organización.

Neste sentido, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro agradeceu o traballo de entidades como os GALP para dar a coñecer os avances acadados en materia de igualdade nas actividades do mar así como para analizar e buscar solucións aos retos que se presentan de cara ao futuro no sector marítimo pesqueiro galego.

Ao mesmo tempo, Susana Rodríguez animou ao GALP Mariña-Ortegal a continuar co seu gran labor a prol da igualdade e a unidade no sector pesqueiro e eloxiou o seu espírito asociativo e o seu compromiso na defensa dos intereses das mulleres do mar. Un traballo, dixo, que contribuirá a dar visibilidade ao bo facer das profesionais do sector e a impulsar ao mesmo tempo o desenvolvemento económico das zonas costeiras.

Emprego no sector

En Galicia dedícanse ao marisqueo a pé máis de 2.600 mulleres e outras 1.100 pertencen ao sector acuícola, das que arredor de 700 traballan no sector do mexillón. A elas súmanse preto de 500 profesionais embarcadas en buques pesqueiros e centos de traballadoras dos sectores conserveiro e dos produtos do mar conxelados. Unhas cifras que dan mostra da importancia que a muller ten no eido marítimo-pesqueiro da comunidade galega.