O xerente do Consorcio e a delegada territorial de Vigo participaron na sinatura da acta de comprobación do replanteo

A Xunta comeza as obras de ampliación da escola infantil de Salvaterra de Miño

O centro pasará de catro unidades e 61 prazas a seis unidades e 82 prazas

Investiranse 200.000 euros e prevese que estea a disposición das familias para o vindeiro curso
 

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 15 de decembro de 2020

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, participou no inicio das obras de ampliación da escola infantil a Galiña Azul da localidade.

As obras, cuxo proxecto ascende a algo máis de 200.000 euros, teñen un prazo de execución estimado de seis meses, e a previsión é que os novos espazos estean a disposición das familias para o vindeiro curso 2021-2022. O centro conta na actualidade con catro unidades e 61 prazas. Tras estas actuacións ampliará o número de prazas ata un máximo de 82 e seis unidades.

O xerente do Consorcio destacou que esta actuación vén cubrir unha necesidade que existía no municipio, xa que as instalacións levaban anos rexistrando listaxe de agarda, polo que a ampliación mellorará as posibilidades de conciliación das familias de Salvaterra e tamén da súa comarca.

Aulas, aseos e sala de usos múltiples

O proxecto prevé a creación, nunha edificación anexa, de dúas aulas e dous aseos, así como a ampliación da sala de usos múltiples e a habilitación dunha zona para o aparcamento dos carriños. As obras permitirán ampliar a superficie útil da escola en preto de 250 metros cadrados. As actuacións, aínda que se desenvolverán durante o curso, están planificadas para evitar as molestias mentres a escola estea en funcionamento, creando accesos independentes para as familias e os operarios. Ademais, evitaranse os ruídos durante os momentos de descanso das nenas e nenos.

A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, asinou un convenio co Concello para o financiamento destas obras por un importe de algo máis de 200.000 euros. A Xunta investirá 161.000 euros e o Concello de Salvaterra de Miño asumirá a cantidade restante, ademais dos custes derivados da redacción do proxecto e dirección de obra, entre outros traballos. Está previsto que a Consellería de Política Social invista, unha vez executadas as obras, 38.000 euros máis para o equipamento das aulas.
 

Imaxes relacionadas