Máis de 100 comercios da área de Santiago avanzan na innovación e a dixitalización con apoios da Xunta por máis de 785.000€

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou en Santiago de Compostela Fink Orfebres, un dos negocios beneficiados do programa cunha achega de máis de 20.000 euros

Apóianse as iniciativas no ámbito da dixitalización, e tamén se impulsa a modernización integral dos locais, a adquisición de equipamentos e iniciativas de expansión comercial
 

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe en Santiago de Compostela o establecemento Fink Orfebres, un dos 102 comercios e artesáns beneficiarios das axudas por preto de 785.000 euros que vén de conceder a Xunta na área de Santiago para o impulso á innovación, a dixitalización e as novas fórmulas de comercialización.

Trenor destacou que “a través deste programa impúlsase a adaptación ao actual contexto económico e aos novos hábitos dos consumidores, apoiando o comercio de proximidade para que mellore e incremente os servizos que se prestan á clientela a través de diferentes canles, con axudas para páxinas web comerciais, ferramentas de márketing 4.0, mellora da imaxe dixital, xestión de redes sociais e implantación de ferramentas de xestión”.

Tamén se conceden a través desta orde axudas para a modernización e adaptación de locais comerciais; a expansión comercial, coa apertura de novos establecementos; novas fórmulas de comercialización e a adquisición de equipamento ou ferramentas que melloren o produto final.

Así, en concreto, na área de Santiago, apóianse máis de 100 iniciativas de dixitalización comercial, que desenvolven comerciantes e artesáns para proxectos de modernización integral dos locais, adquisición de equipamentos, así como proxectos de expansión comercial e proxectos pop up.

Na maior parte dos casos os comerciantes e artesáns pertencen ao concello de Santiago pero entre os beneficiarios desta orde hai tamén profesionais dos municipios de Ames, Val do Dubra, Boqueixón, Ordes, Teo, Rois, Melide, Santa Comba, Tordoia, Padrón e Oroso.

Imaxes relacionadas