Luisa Piñeiro reafirma o “máximo compromiso” da Xunta co Concello de Crecente na súa visita institucional e anuncia que os orzamentos 2021 recollen investimentos por 357.000€

A delegada territorial mantén unha xuntanza de traballo co alcalde, Julio César García-Luengo, para recoller as súas peticións para o Goberno galego

A representante autonómica garante a continuidade da “colaboración e apoio” con Crecente tras investir 4,5 millóns de euros nos últimos catro anos

Crecente, 16 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, reafirmou esta mañá o “máximo compromiso” do Goberno galego co Concello de Crecente durante a súa visita institucional ao municipio, na que tamén anunciou que o proxecto de Orzamentos Autonómicos 2021 recolle uns investimentos iniciais por 357.000€.

A representante autonómica mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Julio César García-Luengo, para recoller as súas solicitudes para a Xunta de Galicia e comprometeuse a comezar coa súa xestión ante as distintas consellerías co obxectivo de ver as posibilidades de execución. Entre as peticións figuran a ampliación da residencia da terceira idade San Pedro e concesión dun Plan Básico Municipal para a xestión urbanística.

Luisa Piñeiro, que con este encontro completou as súas visitas institucionais polos 47 concellos da área territorial de Pontevedra garantiu a continuidade da “colaboración e apoio” da Xunta de Galicia co Concello de Crecente no marco do clima de entendemento entre ambas administracións e lembrou que o executivo galego investiu 4,5 millóns de euros neste municipio nos últimos catro anos, con especial incidencia nas áreas de saneamentos públicos, medio rural e política social.

Ademais, a delegada territorial tamén anunciou que o Concello de Portas vaise beneficiar, alomenos, de 357.000€ en investimentos e servizos da Xunta de Galicia o vindeiro ano, con especial protagonismo para obras de abastecemento e saneamento, segundo se recolle no proxecto autonómico de orzamentos, aínda que adiantou que estas partidas son as específicas e que a contía aumentará coas ordes de axudas e outros plans.

Imaxes relacionadas