A Xunta licita a senda peonil e ciclista na estrada PO-531 no lugar da Devesa, no concello de Pontevedra, por 756.931€ co obxectivo de comezar as obras na primavera

O proxecto, que abriu hoxe a presentación de ofertas ata o 20 de xaneiro, prevé a execución dun itinerario seguro e sostible nun treito de case 1.500 metros que terá unha anchura mínima de dous metros

Luisa Piñeiro visita a zona xunto ao xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, e anuncia que a previsión é rematar a actuación entre finais do próximo ano e comezos de 2022

Pontevedra, 16 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar as obras do itinerario peonil e ciclista, configurado a través dunha senda segura, na estrada autonómica PO-531 ao seu paso polo lugar da Devesa, na parroquia pontevedresa de Alba, cun orzamento de 756.931€.

A delegada territorial da Xunta, Luisa Piñeiro, anunciou a posta en marcha deste procedemento coa súa correspondente publicación na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia nunha visita realizada esta mañá á zona beneficiaria xunto ao xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, e engadiu que o cronograma do Goberno galego apunta a que as obras comezarán durante a primavera para telas rematadas entre finais do próximo ano e o comezo de 2022.

“Estamos comprometidos coa mellora das infraestruturas na cidade de Pontevedra e a súa contorna e tamén coa conformación dunha rede que favoreza a mobilidade sostible e a seguridade, polo que hoxe podemos anunciar que esta primeira fase, que está previsto que logo teña continuidade ata Bretoña, xa está ás portas de ser unha realidade tras as expropiacións realizadas a comezos de mes e a apertura da licitación”, explicou Piñeiro, que detallou que a presentación de ofertas poderase realizar ata o vindeiro 20 de xaneiro.

O proxecto contempla unha actuación nun treito de case 1.500 metros, entre os puntos quilómetros 5+460 e 6+900 da PO-531, que beneficiará aos lugares da Devesa, O Bispo e Sabarís. Neste espazo construirase, na marxe esquerda, unha senda de formigón coreado cunha anchura mínima de dous metros, dependendo da tipoloxía e as características de cada zona, e que contará cun bordiño de protección e franxas axardinadas para incrementar a seguridade.

Así mesmo, as obras tamén incluirán unha senda en voadizo cunha pasarela para superar o Rego do Castrado con sistemas de contención, dous muros para o sostemento de terra e outras actuacións complementarias, como a adecuación da rede de drenaxe, a reposición dos servizos afectados, o acondicionamento da sinalización e o balizamento e execución de obras menores para garantir a axeitada accesibilidade ás vivendas existentes.

Imaxes relacionadas