O titular da Xunta reuniuse co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar

Feijóo avoga por reforzar a colaboración institucional coas deputacións para seguir mellorando a calidade dos servizos públicos e consolidar unha estrutura administrativa sen duplicidades

Subliña a proposta de mellora de atención ás emerxencias na provincia, coa creación de dous GES en Maceda e na Veiga, así como co novo Centro integral de loita contra o lume en Toén

Avalía a evolución das infraestruturas deportivas en Ourense, coa construción do parque acuático de Monterrei e dun campo de regatas en Castrelo de Miño

A Xunta mantén o seu compromiso coa Sanidade Pública na provincia, con melloras nos hospitais de Ourense, de Verín e do Barco, e coa construción ou renovación de sete centros de saúde

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por reforzar a colaboración institucional coas deputacións para seguir mellorando a calidade dos servizos públicos e consolidar unha estrutura administrativa sen duplicidades, afondando no proceso de sinerxías e promovendo a prestación supramunicipal de servizos.

“Imos seguir traballando xuntos, coordinando a actividade en beneficio dos concellos”, dixo, tras unha reunión co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, na que apostou por reeditar nesta lexislatura o documento asinado en xuño de 2012 coas catro deputacións.

Sobre este punto, destacou o acordo coa Deputación de Ourense en materia de abastecemento e saneamento para formar parte do proxecto de administración hidráulica, que será remitido ao Parlamento no primeiro semestre de 2021, co obxectivo de axudar aos concellos que teñen competencia exclusiva neste eido. “A Deputación de Ourense vén de confirmar que formará parte do capital desta empresa pública”, trasladou, recordando que, neste eido, a Xunta, a Deputación e nove concellos da provincia integran o Consorcio de Valdeorras, formado en 2014.

Outro dos temas abordados foi a proposta de mellora de atención ás emerxencias na provincia, coa creación de dous GES: en Maceda e na Veiga. Así mesmo, salientou o investimento de 12 M€ no novo Centro integral de loita contra o lume en Toén, no lugar onde se atopa o antigo hospital psiquiátrico.

Por outra banda, Feijóo e Baltar avaliaron a evolución das infraestruturas deportivas na provincia, coa construción do parque acuático de Monterrei, un proxecto de 8 millóns de euros que comezará pola execución das piscinas; e coa ampliación do club náutico de Castrelo de Miño e construción neste lugar dun campo de regatas, cunha achega total de máis de 1 millón de euros. Para ambas actuacións firmarase un convenio entre a Xunta e a Deputación, cun financiamento das partes ao 50%.

Compromiso cos tres hospitais da provincia e cos centros de saúde

No eido sanitario, o presidente do Goberno galego reiterou o compromiso da Xunta coa Sanidade Pública, con melloras nos hospitais de Ourense, de Verín e do Barco, e coa construción ou renovación de sete centros de saúde na provincia.

Así, no tocante á ampliación do Hospital Universitario, constatou que o proxecto básico xa está aprobado e conta con 9 millóns de euros nos orzamentos de 2021, dos case 52 que se estiman como investimento. “E continuamos optimizando o Hospital de Valdeorras -2,4 millóns en 2021-: co inicio, proximamente, da reforma e equipamento de consultas externas, así como da licitación da cirurxía maior ambulatoria, do hospital de día e da farmacia; e coa adxudicación da dixitalización da sala de raios x”, dixo, destacando, ademais, a licitación do proxecto construtivo de ampliación das urxencias-PAC do Hospital de Verín, con 3,5 millóns de euros de investimento.

Feijóo confirmou tamén a intención de construír un novo Centro Integral de Saúde na cidade de Ourense, ao igual que o proxectado en Lugo, con 2,5 millóns comprometidos nos orzamentos de 2021. Ademais de lembrar que o centro de saúde do Pereiro de Aguiar vén de ser rematado, avanzou a previsión de que o novo centro de saúde de Paderne de Allariz estea finalizado no primeiro trimestre do ano que vén; “e comprometemos un novo centro de saúde na Rúa, así como as reformas dos centros da Arnoia, Ribadavia e Castro Caldelas”, engadiu.

En materia educativa, o titular da Xunta salientou que as obras do Centro Galego de Innovación da FP de Ourense estarán rematadas o próximo verán. E, no eido cultural, destacou as obras que se están a desenvolver nos mosteiros de San Pedro de Rocas, Ribas de Sil, Xunqueira de Espadanedo e Oseira, no marco da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. “E destinamos máis de 3,5 millóns para actuacións paisaxísticas”, engadiu, en referencia ao Plan Estratéxico para a Ribeira Sacra.

Por último, entre outras iniciativas, fixo fincapé en que Xunta seguirá apoiando as iniciativas no ámbito termal e, no marco do Xacobeo 2021, aprobarase a fundación da Asociación Camiño Xeración Nós para conseguir a declaración como Camiño Cultural da ruta realizada en 1926 polos membros da agrupación.

Imaxes relacionadas