A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou esta mañá no acto institucional, celebrado en San Caetano

Política Social entrega a Cruz Vermella cinco vehículos para a atención a domicilio de persoas maiores

O Goberno galego destinou 156.000 euros á compra destes coches a través dos fondos do 0,7% do IRPF

Trátase de catro turismos que irán destinados ás oficinas provinciais da entidade e unha furgoneta que percorrerá a xeografía galega como punto de información

A Tarxeta Básica ou a Teleasistencia son algúns dos servizos que o Goberno galego impulsa en colaboración coa Cruz Vermella
 

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou esta mañá no acto de entrega de cinco vehículos a Cruz Vermella para achegar servizos de atención ás persoas maiores de toda Galicia. Uns coches que foron financiados polo Goberno galego con 156.000 euros procedentes da distribución dos fondos do 0,7% do IRPF.

En concreto, entregáronse catro turismos, que serán distribuídos entre as catro oficinas provinciais da entidade en Galicia; e unha furgoneta, que percorrerá toda a xeografía galega informando á poboación das prestacións que Cruz Vermella, en colaboración coa Xunta, pon á súa disposición. A conselleira agradeceu a esta entidade que siga a ser “un fiel aliado” do Goberno galego no apoio aos colectivos máis vulnerables.

Fabiola García lembrou que a colaboración entre a Xunta e Cruz Vermella é constante. Así, sinalou que xuntos puxeron en marcha no mes de xullo a Tarxeta Básica para axudar ás persoas con menos recursos a comprar produtos de primeira necesidade. Unha prestación que xa ten beneficiado durante estes seis meses a 28.000 persoas de Galicia e que contou cun investimento do Goberno galego de 14,6 millóns de euros.

Ademais, a conselleira destacou que outro dos servizos que o Goberno galego impulsa coa axuda de Cruz Vermella é a teleasistencia, que chega actualmente a máis de 7.500 fogares de persoas maiores que viven soas. Trátase dun sistema que lles permite recibir atención con tan só apertar un botón, así como un servizo de seguimento constante grazas á súa modalidade avanzada.
 

Imaxes relacionadas