A conselleira de Política Social presidiu hoxe a apertura dunha mostra de Unicef en San Caetano coa que comeza a programación ‘Retratos, Familia e Infancia’

Fabiola García inaugura un novo ciclo de exposicións para poñer en valor o labor das entidades do eido da familia e a infancia

Defendeu a colaboración como a mellor maneira de multiplicar esforzos que aseguren unha infancia feliz para todos os nenos, con independencia de onde nazan

A mostra estará exposta durante un mes na pirámide do edificio central da Xunta
 

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, inaugurou esta mañá na sede central da Xunta de Galicia o novo ciclo de exposicións Retratos, Familia e Infancia, que se abre cunha mostra de Unicef e que busca poñer en valor o labor das entidades que traballan no eido da familia e a infancia. Esta nova programación é a terceira impulsada pola Consellería tras a dedicada aos maiores e persoas con discapacidade e a que protagonizaron as persoas máis vulnerables en situación ou risco de exclusión social.

Fabiola García, que estivo acompañada no acto pola presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito, sinalou que con este ciclo “abrimos unha nova fiestra desde a que poñeremos en valor o traballo que realizan estas entidades e desde a que avanzaremos cara a unha sociedade máis xusta e solidaria”. Así mesmo, transmitiu o agradecemento do Executivo autonómico a estas organizacións que actúan en favor da protección, o benestar e os dereitos das familias e dos menores, xa que “son un exemplo de loita, de constancia e de solidariedade”, apuntou.

Ademais, a titular de Política Social garantiu o apoio da Xunta a este labor e avogou por continuar coa colaboración como a mellor maneira de multiplicar esforzos para asegurar unha infancia feliz a todos os nenos, con independencia de onde nazan.

Nacións Unidas

A exposición de Unicef poderase ver desde hoxe e ao longo de todo un mes no espazo da pirámide do edificio da Xunta en San Caetano. A mostra é un percorrido guiado do traballo desta organización polo cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030 de Nacións Unidas no que atinxe a acadar un mellor presente e futuro para todas as nenas e nenos.

Ao abeiro deste ciclo de Retratos, Familia e Infancia, durante todo o ano que vén darase visibilidade ao labor que levan a cabo as principais entidades galegas que actúan no campo da familia e da infancia, mediante paneis informativos, gráficos e fotografías que amosarán os seus programas e servizos.

Imaxes relacionadas